Máis datos sobre María Vázquez Suárez e sobre os tempos da guerra en Vilaescura: unha xornada de recollida coa súa afillada

María Vázquez vestida con traxe típico.

María Vázquez vestida con traxe típico.

* Hoxe acompañamos a Montse Fajardo a visitar a María Victoria Vázquez Aguirre, que foi afillada de María Vázquez Suárez, a mestra de Miño – de familia de Vilaescura – asasinada en 1936. Tamén nos acompañou Pepe “Carrelo”, da súa familia.

Montse Fajardo está a facer un traballo sobre persoas represaliadas polo Franquismo no que incluirá a historia de María Vázquez Suárez.

Poñémosvos neste post unha serie de datos curiosos e fotografías. Para ampliar información, consultade a entrada sobre María neste blogue (aquí), cunha ligazón a un artigo de Juan Sobrino Ceballos, e agardemos tamén ao traballo de Montse Fajardo, a quen damos as grazas por vir e interesarse por unha das nosas mulleres máis senlleiras.

A familia Vázquez-Suárez.

María Víctoria contounos que súa nai, Victoria, moi achegada a María, sentira a súa morte coma a dunha filla. Berrara desesperada porque a asasinaran: “Non o merecía!”. Sempre se laiaba Victoria que fora unha morte inxusta e sempre lembraba a grandísima calidade humana de María Vázquez Suárez, tan amiga dela – ademais de familiar – que se propuxera afillar á criatura que Victoria alumbraría.

María Victoria naceu en 1928, así que lembra pouco a María, pero lembra que a foran ver a Pobra do Caramiñal, onde ela estivera de mestra, e tamén a Miño. Ademais, María viña todos os veráns a Vilaescura, á casa familiar, onde – lembra María Victoria – facía traballos de bordado fermosísimos. Precisamente, lembra María Victoria que lles cosía uniformes para as súas alumnas e que os facía sen “distinción de clase”. A María Victoria tamén lle cosía uns fermosos vestidos nos veráns de Vilaescura.

2014-11-05 18.01.54

Finca e casa da familia Vázquez-Suárez en Vilaescura.

A familia de María non ía a misa en Miño, porque seica non “estaban moi ben co cura”, que despois a denunciou.

O pouco tempo que estivo no cárcere non a puido visitar a familia. Lembra María Victoria que cando a asasinaron, María tiña a menstrución e que o pai, Joaquín, gardara os panos que ela usara. El tiña gardados todos os recordos da súa filla e unha bandeira republicana. María Victoria conserva revistas pedagóxicas do ano 1926 e 1927 que María encuadernara.

2014-11-05 17.36.05 2014-11-05 17.27.50

Do pai de María, Joaquín, que veu a Vilaescura en 1941, lémbranos o “Carrelo” que era “moi de esquerdas”, igual que un sobriño seu, a diferencia dunha irmá e unha sobriña, que eran “moi de dereitas”. A familia era de dereitas e axudou a agochar xente “socialista” durante a guerra. Precisamente, o pai de Carrelo tivo agochado nun ciprés a un mozo “socialista”. A nai de María Victoria tamén agochou a un mozo no faiado.

Naquel tempo da guerra “non se sabía quen ía gañar”. Había un comandante que dicía: “Non vos metades en nada, que non sei eu quen vai gañar”.

En Vilaescura mataron a varias persoas. Os falanxistas viñeron “nun tractor”, estaban “organizados”. Xusto despois do golpe a xente “socialista” requisara armas nas casas. E houbera uns rapaces de 16 anos que roubaran os badais das campás da igrexa. A muller á que pediran a chave, Remedios, non os quixo denunciar: “Podédesme matar, pero eu non digo quen foi”. Dicía que se os denunciaba que os matarían.

Sobre o pai de María, lembra o Pepe que el a animou a ir a mitins porque falaba moi ben. Cando ela foi asasinada, o pai pasouno mal e toda a vida que lle quedou gustou da soidade. Ía todas as tardes a unha pequena casoupa que construíu afastada das casas, a ler o xornal e estar só. Pouco antes de morrer fora un tempo á misa, “por cumplir”, e enterrárono no camposanto en Vilaescura, nunha tumba de terra.

2014-11-05 17.44.39

Retrato de María Vázquez.

María Victoria lembra que foi a Pontedeume e viu a lápida de María, que poñía o seu nome, pero que esta desapareceu despois. “Unha guerra é-che o pior do mundo”, di María Victoria.

Xa cando nos imos cóntanos que dicían que as últimas palabras de María antes de morrer foran: “Viva a República!”

2014-11-05 20.45.37

María Vázquez.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s