Un asasinado na ribeira de Bolmente

P1010316

Un tal Santiago de Rosende, ao que “perseguían os fascistas” tiña un refuxio nas Pesqueiras, cerca da Cividade (na ribeira de Bolmente).

Cerca noite, de madrugada, foron “os fascistas” a petarlle á porta ao Luciano de Ferrón, que vivía en Viloriz. Este logrou escapar por un sitio da casa e correu agocharse ao refuxio das Pesqueiras, pero “os fascistas pegaron coa muller”.

O Luciano foi durmir ao refuxio das Pesqueiras. Alí non atopou esa noite ao Santiago de Rosende, e non puido avisalo de que as “partidas” andaban por Bolmente. Antes do amencer, colleu algo de abrigo e saiu cara a casa, pero polo camiño viñan os fascistas, así que se tivo que agochar nun silveiro. Nestas, fíxose de día e os paxaros comezaron a piar ao seu carón, tendo o Luciano que mandarlle pedras para espantalos e que a partida non o localizase.

Os “fascistas” marcharon ao non atopalo e, cando viñan da ribeira, atoparon ao Santiago de Rosende que ía cara as Pesqueiras. Disparáronlle nunha perna e el escapou ferido como puido pero, o xefe da partida, atopouno e rematouno, cravándolle tamén un coitelo na gorxa.

A partida trouxo ao Santiago morto nunha escada de madeira ao adro da igrexa de Bolmente para que o vise o pobo.

Ao Santiago enterrárono fóra do camposanto, á esqueda do pórtico da igrexa de Bolmente.

P1090098

Dicían logo que a muller do Santiago cravara o coitelo na porta da casa do cura.

MAPA cos lugares do relato: aquí.

* Recollido en 2008 dun informante de Bolmente nado en 1927. Testemuña directa.

Esta historia do agocho das Pesqueiras tamén a coñece un informante de Vilaescura.