“Roubaban nas casas. En Vilachá de Doade, había unha familia, un matrimonio con fillos. Entrou a Garda Civil e falangistas e leváronlle o ganado, patacas e todo canto tiñan que comer. Ata lle levaron a roupa.”
Fonte:
– Testemuños orais.
“Roubaban nas casas. En Vilachá de Doade, había unha familia, un matrimonio con fillos. Entrou a Garda Civil e falangistas e leváronlle o ganado, patacas e todo canto tiñan que comer. Ata lle levaron a roupa.”
Fonte:
– Testemuños orais.
Testemuños orais dan conta dunha muller falanxista en Doade, que levaba “correaje”.
Fonte:
– Testemuños orais.
Había un matrimonio en Fondón (Gundivós), Xesús e María, ao que matou a Garda Civil. Ela estaba “en estado”, a piques de dar a luz.
Fonte:
– Testemuños orais.
O 16 de xullo de 2014 entrevistamos a persoas maiores do lugar da Pena de Gundivós sobre a represión neste lugar do Concello de Sober. Poñemos aquí un resumo de toda a información que recopilamos. As fichas de recollida e a transcrición literal dos testemuños será doada ao proxecto Nomes e Voces. Agradecementos a Rosita da Pena de Gundivós por facilitar o contacto e a xornada de recollida.
SEOANE E A PENA DE GUNDIVÓS: PERSOAS AGOCHADAS E REPRESIÓN FALANXISTA
Na parroquia de Gundivós houbo xente “escapada”; as mulleres dábanlles de comer. Un dos escapados estaba nunha casa con dobre parede.
A Garda Civil e os falanxistas patrullaban os lugares de Gundivós para capturar aos fuxidos. “Estaban día e noite os falanxistas aquí”, todos “viñan de Santa Cruz”.
Dende Seoane víanse “brillar os gorros da Guardia Civil cando viñan en Vilapedre”. Cando viña a Garda Civil os nenos metíanse nunha cociña dunha casa. Un día petou a GC na porta e había “sete ou oito falangistas de Santa Cruz”.
Un dos falanxistas vixiaba o río, para que non cruzasen os fuxidos por alí. O día de Santo Antón, o 17 de xaneiro, colleron a un, pero librou porque a súa muller era de Santa Cruz, “soltárono pola muller”.
A unha nena mandárona meterse no forno para ver se estaba alí un escapado.
Había un rapaz de Seoane escapado. Un día, o rapaz estaba “escondido rente da casa, e a nai do rapaz tiña moito medo”. “Había sete falangistas onde estaba o forno de cocer as olas. E cinco guardiaciviles. E el estaba alí, pero naide o sabía.
E a abuela dise dicía:
– Ai, Virgen Santísima, que se entran eiquí mátannos!”
Un dos escapados foi un día onda unhas mozas que estaban a lavar a roupa nas devesas do cura. Unha delas díxolle ao rapaz que non marchara, que fora comer coa familia, que non comera aínda.
Dixo el:
“- E como vou pasar se está a Guarcia Civil e os falangistas en Seoane?
E díxolle unha:
– Poñémosche o cesto da roupa na cabeza e naide te conoce.
Ai!, pero desde alí conocérono. Tiráronlle un tiro e sacáronlle a suela do zapato.
A ese levárono e fartáronse de mallar e de mallar nel; non morreu alí pero…”
Houbo episodios de violencia política da esquerda, cando saíron ao paso do cura de Santa Cruz, que misaba en Figueiroá, e lle tiraron tiros. Un dos autores era un rapaz das Sobreiras (Gundivós) ao que o cura recoñeceu porque tiña unha mancha na cara. Os outros curas querían que o xulgaran e condenaran a morte, pero “non o mataron”.
Había un matrimonio vello en Seoane. Un domingo veu por alí a partida falanxista. Ela tiña costume de lavar a roupa pola mañá. Era un domingo que non fora á misa, nunha présa pequena no fondo do lugar.
Os falanxistas dixéronlle ao home:
– Onde vai a súa muller?
– Está lavando a roupa – respondeu -.
– Onde está?
– Alí por baixo.
Atravesaron a finca e estaba ela no fondo, lavando. E dixéronlle:
– Veña con nós!
Colleron un mangado de palla do palleiro e esposáronos aos dous no mangado de palla, e alí os deixaron. Pasaron moito medo.
A un que ía cos carros do abono, por non levantar a man ante a Garda Civil, matáronlle ao can dun disparo.
Ademais de atemorizar á poboación, as partidas falanxistas roubaban nas casas.
Houbo xente de Gundivós á que levaron presa a Lugo por non dicir onde estaban familiares fuxidos.
De Gundivós mataron a xente, un deles Amador, atopado morto en Sober xunto cun tal Roseto de Proendos.
De Fondón, mataron a un matrimonio na súa casa; ela estaba “en estado”, ía a dar a luz moi pronto. Chamábanse Jesús e María; matounos a Garda Civil.
Un dos asasinatos que máis impactou na memoria das xentes de Sober foi o de José Benito Mantilla González, de Rosende, un dos concelleiros da corporación municipal de 1936 (concelleiro de elección gubernativa Frente Popular – Izquierda Republicana).
A súa morte está perfectamente documentada. Foi rexistrada o 11 de setembro de 1936 (ver), con 63 anos.
“Xulgado e declarado en rebeldía. Rexistrado morto en Monforte de Lemos a causa de parálise bulbar. Lugar de aparición do cadáver: km. 4 da estrada de Escairón. Apareceu ás primeiras horas da mañá.” [Nomes e Voces].
A memoria oral conta que antes de asasinalo lle arincaron todas as unllas das mans, feito que non está corroborado.
Un home de Francos de Proendos, xa finado, contounos en 2006 a seguinte historia sobre a represión.
O entrevistado lembraba que no Concello gobernaban “os socialistas”. “Daquela, era coma agora, había eleccións”.
Logo do “alzamento”, un home de Proendos estaba a “botar un pito” na Grila (lugar de Francos de Proendos). A Garda Civil achegóuselle e exclamou: “¡Viva España!” (ou “¡Arriba España”).
O home que fumaba rosmou algo polo baixo, así que, a Garda Civil, apuntándolle coas armas, inquiriu:
– “Repita: ¡Viva España!”.
O home respondeu:
– “¡Viva el comunismo!”.
Ante esto, os axentes da Garda Civil abatírono a disparos.
A xente do lugar, entre eles o entrevistado, tiveron que facerlle garda ao cadáver “ata o día seguinte”. O entrevistado di que el era un rapaz, de 14 anos, máis ou menos, aínda que non lembra ben.
A foto é do camiño entre o Cima do Lugar e A Grila, ambos lugares de Francos de Proendos.
O entrevistado fixo referencias a outras historias do lugar de Francos de Proendos, recollidas tamén doutras persoas: o disparo ao cura da parroquia, a historia dun veciño que estivo nun campo de concentración e a como outro veciño agochou ao seu cuñado, ao que perseguían, nun mangado de palla e o levou a outro lugar.
De Proendos, refire María Jesús Souto Blanco dúas mortes extraxudiciais no ano 1936 (Antonio Arias Álvarez e José González Conde, este último morto no asalto ao Centro Obreiro de Sober por falanxistas e militares). Tamén se rexistra o asasinato de Jesús Rodríguez Rodríguez por “disparo de arma de fuego” pola Garda Civil o 24 de abril de 1938 nalgún lugar de Sober, que podería ser a persoa á que se refire este relato.