Crónica do acto de homenaxe ás vítimas do Franquismo en Sober

P1110968“Na defensa do dereito á vida digna e á democracia, a Corporación Municipal do Concello de Sober fai memoria destes feitos e recoñecemento das vítimas do Franquismo para contribuír a que as xeracións actuais e futuras vivamos nunha sociedade xusta.”

Así comezaba a declaración institucional pronunciada polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, na homenaxe ás vítimas do Franquismo realizada o sábado 25 de outubro en Sober, en cumplimento dun acordo plenario de 2013 que, a proposta de Paula Vázquez Verao, concelleira nacionalista non adscrita, decidiu rendir homenaxe e recoñecemento público ás vítimas soberninas do réxime franquista.

Ás 12 da mañá daba comezo en Sober o acto público en memoria das vítimas do Franquismo, cunha sesión simbólica do pleno na que todos os grupos políticos resaltaron o feito de estar realizando un exercicio de “xustiza”, un “recoñecerse a democracia na democracia”. Precisamente, a declaración institucional do Concello de Sober resalta que “a Corporación Municipal de Sober se recoñece na lexitimidade democrática das eleccións de 1936”. O recoñecemento aos representantes públicos represaliados foi recorrente, cunha lembranza especial a Daniel Álvarez Carnero, tenente de alcalde e alcalde gubernativo en 1936, executado en Lugo tras Consello de Guerra, cuxa familia estivo presente na homenaxe.

P1110982Posteriormente, iniciouse unha mesa redonda de análise sobre a represión na Galiza post-Alzamento, coa presenza de Carlos Méixome Quinteiro e Xurxo M. Ayán Vila, que reivindicaron a necesidade colectiva de memoria e explicaron, respectivamente, a natureza da “persecución” que o réxime do 1936 perpetrou en Galiza e a “paisaxe presente do Franquismo”, un estado “totalitario que concibe o territorio como “espazo de colonización” e ás persoas e comunidades como “súbditos” ao servizo da plutocracia.

P1110958

Como peche do acto, a música tivo presenza co grupo “Os Parentes” e coa interpretación por parte dunha sección da Banda de Música de Sober do Himno de Riego, A Marsellesa e o Hino Galego, que puxo ás persoas asistentes en pé.
Carmen García-Rodeja, da ARMH, agradeceu á corporación este exercicio de memoria e lembrou aos alcaldes represaliados da provincia de Lugo. Estivo acompañada do neto do alcalde asasinado de San Tirso de Abres, para reivindicar a necesidade de lembrar ás familias das vítimas e axudarlles na súa búsqueda de verdade e xustiza.
A poesía veu da man de Xosé Lois García, que leu o poema “Vitimario de Sober 1936-1940”, e Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, que leron sendos poemas, – un deles adicado a María Vázquez Suárez, mestra de Miño asasinada en 1936, cuxa familia era natural de Sober – e trasladaron o apoio da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, resaltando a necesidade dunha cultura de paz.

A xornada rematou cun xantar de confraternidade ao que asistiu a corporación municipal, as persoas intervintes no acto e familiares de vítimas, así como veciñanza de Sober e contorna.

A declaración institucional, que se pode consultar aquí, remata coas seguintes disposicións:

1. O Concello de Sober recoñece a dor e sufrimento de todas as vítimas da represión, nas súas diferentes modalidades, e restitúe a súa memoria publicamente.
2. A Corporación Municipal de Sober recoñécese na lexitimidade democrática da Corporación Municipal saída das eleccións de febreiro de 1936.
3. O Concello de Sober fai un recoñecemento explícito á Corporación Municipal de 1936 e condena que os seus membros fosen afastados das súas funcións polo golpe militar de xullo de 1936 e que fosen asasinados e represaliados de distintas maneiras pola súa ideoloxía e actividade política.

Grazas: agradecemento pola participación no acto de homenaxe

homenaxe

Emotivísima homenaxe ás vítimas do Franquismo en Sober.

Grazas: a todas as persoas asistentes; a familiares de vítimas que viron recoñecido, por primeira vez, que o que fixeron contra elas fora unha inxustiza; a toda a corporación municipal de Sober por apoiar a proposta; a Xurxo Ayan Vila e Carlos Méixome Quinteiro polas leccións maxistrais sobre o que significou o “trauma” e a “persecución” perpetrada polo novo réxime; ás músicas e músicos que colaboraron en facer da música “unha terapia”; a Carme Blanco, Claudio Rodríguez Fer e Xosé Lois García pola poesía; a Carmen García Rodeja pola memoria.
Como dixo Xurxo Ayán, a memoria antifascista é humanista, é de todas as persoas de ben.

* Poremos crónica do acto e resumo das intervencións da mesa redonda.

Sober en recordo das vítimas do Franquismo

Declaración en recoñecemento das vítimas lida na homenaxe do 25 de outubro de 2014.

Sober 1.933

Á altura dos anos 30 do século XX, a maioría das xentes de Sober eran labregas; tamén había operarios do tren e outros que soportaban duras condicións de traballo por levar un xornal á casa. Pero os homes e as mulleres de Sober dos anos 30 (os nosos avós, as nosas bisavoas…) loitaron por defender os seus dereitos: desde a proclamación da II República en 1931, Sober é un núcleo de gran actividade sindicalista agraria e obreira.

En febreiro de 1.936 gañou as eleccións en Sober a Fronte Popular, entrando a formar parte da corporación municipal xentes humildes, fundamentalmente labradores e xornaleiros. Foi alcalde Antonio Pérez García, coñecido como “Rei”, do Partido Republicano Gallego.

En xullo de 1936 un sector do exército alzouse contra o goberno lexítimo do Estado. En Galicia, os militares saen ás rúas o día 20 de xullo, caendo o país en mans dos rebeldes o día 27. Non houbo aquí fronte de guerra, senón unha feroz represión.

Tras o anuncio do golpe o día 18, demócratas de todo tipo organízanse en partidas armadas para defender a legalidade republicana, acudindo de todos os lugares ás capitais de provincia.

De Monforte sae o día 19 de xullo unha partida de 200 homes armados (entre eles xente de Sober) que se dirixe a Lugo, sendo detidos ao regreso pola Garda Civil. Tomada polos militares a capital da provincia o día 20, a Garda Civil e os falanxistas toman toda a comarca de Lemos durante a semana seguinte.

En Sober, unha vez controlada a situación polos rebeldes, iniciouse unha espiral de violencia: asasinatos, encarcelamentos, roubos e torturas.
No noso concello, a represión foi esaxeradamente dura. As vítimas mortais foron unha vintena de persoas e ducias as vítimas da represión e do encarceramento, contando o noso municipio cunha das taxas de persoas apresadas sobre o total da poboación máis elevadas de Galicia: 356 rexistros de Sober nas cadeas de Monforte e Lugo por causas políticas entre 1936 e 1940.

Naquel tempo as xentes de Sober contemplaron a peor cara da condición humana, pero tamén a mellor, pois houbo xente, incluidas persoas de dereitas simpatizantes do novo réxime, que esconderon e axudaron a escapar a perseguidos, arriscando a súa propia vida.
A maioría da poboación de Sober percibía e percibe que a represión do réxime Franquista foi unha barbarie.

Na defensa do dereito á vida digna e á democracia, a Corporación Municipal do Concello de Sober fai memoria destes feitos e recoñecemento das vítimas do Franquismo para contribuír a que as xeracións actuais e futuras vivamos nunha sociedade xusta.

A memoria non quere a revancha. A memoria quere o coñecemento para, dende a verdade, contribuír a un mundo de homes e mulleres libres sen medos e sen mentiras; un mundo que devolva a dignidade a quen lle foi roubada. Non se trata de ir contra ninguén, senon a favor das que sufriron, dos que tiveron que gardar para sí a anguria e a humillación durante demasiados anos.

É por isto que, o Pleno da Corporación Municipal do Concello de Sober, na súa sesión ordinaria do 26 de setembro de 2013 acordou celebrar este acto de homenaxe ás vítimas do Franquismo e facer un recoñecemento a elas, así que a Xunta de Voceiros local, en cumplimento de dito acordo plenario, acorda, por unanimidade, a seguinte declaración institucional:

1. O Concello de Sober recoñece a dor e sufrimento de todas as vítimas da represión, nas súas diferentes modalidades, e restitúe a súa memoria publicamente.

2. A Corporación Municipal de Sober recoñécese na lexitimidade democrática da Corporación Municipal saída das eleccións de febreiro de 1936.

3. O Concello de Sober fai un recoñecemento explícito á Corporación Municipal de 1936 e condena que os seus membros fosen afastados das súas funcións polo golpe militar de xullo de 1936 e que fosen asasinados e represaliados de distintas maneiras pola súa ideoloxía e actividade política.

En Sober, a 25 de outubro de 2014.

Éxito da proxección de “Las maestras de la República” en Sober

P1110932Unhas corenta persoas participaron da proxección en Sober do documental Las maestras de la República, creado por FETE-UGT.

Marina Doutón, da UGT, explicou os escasos medios e orzamento co que se rodou, o que non impediu acadar unha película de altísima calidade.

A IIª República significou unha posta en práctica do proceso de renovación pedagóxica que se viña xestando lentamente ao longo do século XX e que se pode resumir, como sinala unha das entrevistadas da película, na frase “máis escolas, mellores mestres”. A represión dos poderes que se rebelaron contra a democracia en 1936 foi feroz contra o corpo de ensinantes, especialmente contra as mestras republicanas, as que co seu tesón levaron á praxe os ideais de solidariedade, fraternidade, laicidade e autonomía persoal.

O acto serviu tamén de homenaxe a María Vázquez Suárez, mestra con raiceiras en Sober asasinada en 1936 por socialista, republicana e feminista. Podedes ler a súa historia aquí.

P1110935

Proxección de “Las maestras de la República”

Las maestras de la República póster

O mércores, 22 de outubro, proxéctase na Casa da Cultura de Sober o documental “Las maestras de la República”, de FETE-UGT, primeiro dos actos da homenaxe ás vítimas do Franquismo en Sober.

Contaremos coa presenza de Marina Doutón, da UGT, e teremos unha introdución sobre María Vázquez Suárez, mestra asasinada en 1936 e natural de Vilaescura (Sober).

Ás 18:30 h na Casa da Cultura de Sober, no salón de actos.

 

Programa de actos da homenaxe ás vítimas de Sober

1º maio 1936 Monforte

 * mércores, 22 de outubro

– Proxección do documental “Las maestras de la República”, presentado por Marina Doutón, de FETE-UGT, e cunha introdución sobre María Vázquez Suárez, mestra en Miño, natural de Vilaescura, asasinada en 1936.
Ás 18:30 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Sober.
* sábado, 25 de outubro

Salón de actos da Casa da Cultura de Sober.

12:00 h
– Sesión extraordinaria simbólica do pleno da corporación con declaración institucional en homenaxe ás vítimas do Franquismo en Sober.

12:30 h
– Mesa redonda sobre a represión en Galicia con:

* Carlos Méixome Quinteiro (1954).
Licenciado en Filosofía e Ciencias de Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Desenvolve unha intensa actividade cultural no Val Miñor, sendo neste momento presidente do Instituto de Estudos Miñoranos.
Preocupouse por cuestións internacionais e ten publicado, en colaboración, traballos sobre Cuba, Rusia e a Ex Iugoslavia. Realizou publicacións sobre a historia contemporánea de Galicia e o nacionalismo galego. Nos últimos anos adicoulle especial interese ao estudo da represión franquista no Val Miñor e no sur da provincia de Pontevedra.

* Xurxo M. Ayán Vila (1976).
Xurxo M. Ayán é investigador postdoutoral contratado no Grupo de Investigación en Patrimonio Construído da Universidade do País Basco, onde desenvolve os proxectos “Arqueoloxía da guerra civil e socialización do Patrimonio en Euskadi” e “Arqueoloxía postcolonial en España”. Ten dirixido intervencións arqueolóxicas en escenarios da guerra civil (Belchite, Guadalaxara, batalla do Ebro, Fronte Norte) e da represión, coma o campo de concentración franquista de Castuera (Badaxoz). En Galicia desenvolveu traballos de investigación arqueolóxica sobre a guerrilla antifranquista e maila explotación nazi-franquista do wolfram.

13:30 h
Peche: outras intervencións, poesía e música. Participan:
Carmen García-Rodeja Arribí, profesora de Historia e investigadora. Voluntaria da ARMH, coa que colabora en exhumación de vítimas da represión e na investigación de persoas represaliadas, así como na realización de actos de homenaxe.
Xosé Lois García, historiador e escritor.
Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, escritores, Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.
– Sección da Banda de Música de Sober e outros músicos de Sober.

14:30 h
– Xantar de confraternidade e sobremesa musical.

Retirada de tickets no concello ou reservas en info@concellodesober.com [18 €].
cartel homenaxe