Un home de Francos de Proendos, xa finado, contounos en 2006 a seguinte historia sobre a represión.
O entrevistado lembraba que no Concello gobernaban “os socialistas”. “Daquela, era coma agora, había eleccións”.
Logo do “alzamento”, un home de Proendos estaba a “botar un pito” na Grila (lugar de Francos de Proendos). A Garda Civil achegóuselle e exclamou: “¡Viva España!” (ou “¡Arriba España”).
O home que fumaba rosmou algo polo baixo, así que, a Garda Civil, apuntándolle coas armas, inquiriu:
– “Repita: ¡Viva España!”.
O home respondeu:
– “¡Viva el comunismo!”.
Ante esto, os axentes da Garda Civil abatírono a disparos.
A xente do lugar, entre eles o entrevistado, tiveron que facerlle garda ao cadáver “ata o día seguinte”. O entrevistado di que el era un rapaz, de 14 anos, máis ou menos, aínda que non lembra ben.
A foto é do camiño entre o Cima do Lugar e A Grila, ambos lugares de Francos de Proendos.
O entrevistado fixo referencias a outras historias do lugar de Francos de Proendos, recollidas tamén doutras persoas: o disparo ao cura da parroquia, a historia dun veciño que estivo nun campo de concentración e a como outro veciño agochou ao seu cuñado, ao que perseguían, nun mangado de palla e o levou a outro lugar.
De Proendos, refire María Jesús Souto Blanco dúas mortes extraxudiciais no ano 1936 (Antonio Arias Álvarez e José González Conde, este último morto no asalto ao Centro Obreiro de Sober por falanxistas e militares). Tamén se rexistra o asasinato de Jesús Rodríguez Rodríguez por “disparo de arma de fuego” pola Garda Civil o 24 de abril de 1938 nalgún lugar de Sober, que podería ser a persoa á que se refire este relato.