Ramón Rodríguez Fernández, cadáver aparecido en Vilamelle

Rapaz de 18 anos rexistrado morto a causa de hemorraxia en Vilamelle o 28 de agosto de 1936.

Fonte: Nomes e Voces.

J. A. Cardelle chama a tención de que esta aparición coincide coa de Amador Feijoo, atopado morto no mesmo día e lugar.

O relato que nos transmitiu unha persoa maior de Gundivós sinala que os dous cadáveres foron atopados en Sober, e que de alí os levaron os falanxistas.

Ver o relato oral aquí.

Maximino Fernández Rodríguez, morto en Redondela, natural de Canabal

Maximino Fernández Rodríguez, morto en Redondela aos 36 anos, era natural de Canabal

Fillo de Antonio e Ramona, domiciliado en Canadelo Alto, Vigo, casado con Rosario Pérez Bouzón.

Apareceu morto a tiros no Alto de A Concheira, o día 12 de agosto de 1936. Sería enterrado no cemiterio dos Eidos.

Fonte:

Asociación de Familiares y Amigos de Represaliados de la II República por el franquismo.

Grazas a Carmen García-Rodeja pola referencia.

Amador, atopado morto en Sober, cadáver aparecido en Vilamelle

“A unha muller de Gundivós (Dionisia) matáronlle o irmau, Amador, en Sober.
Matárono lonxe de Sober pero, cando o trouxeron, había un arboledo, ó pasar a carretera que vai para Canabal, por debaixo da Farmacia, que había un arboledo. E había unhas pedras grandes.
Fóramos á feira, naide sabía nada, e había xente alí naquel arboledo e vimos á irmá, a Dionisia, – estaba para dar a luz – que choraba.
Chegamos alí e dixo un falangista:
– Que nadie le toque! – estaba a irmá chorando tirada no chan -. El que la levante va a llevar más leña que un mono!
Non lle puderon botar a man ao cadáver nin a ela, que non lle deixaron tocar. Era un falangista de Sober.
Despois, cortáronlle a punta dos dedos ao cadáver. E non o enterraron, levárono. Desapareceu.
Din que pode estar no cemiterio de Vilamelle.
Coma il había moitos.”

De feito, a mesma fonte contou que xunto a este cadáver apareceu tamén o do “Roseto de Proendos”.

Fonte:

– Testemuños orais.

Grazas aos datos de J. A. Cardelle, pódese deducir que esta persoa á que se refire o relato é Amador Feijoo Rodríguez, cuxo cadáver apareceu en Vilamelle o 28 de agosto de 1936. A súa familia foi represaliada. Constátase que, efectivamente, está enterrado en Vilamelle.

O cadáver que aparece xunto co de Amador podería ser Ramón Rodríguez Fernández, atopado o mesmo día e lugar en Vilamelle. Podería ser da Pena de Proendos, da familia do Roseto.

Dedúcese que alí foron parar os cadáveres despois de ser asasinados en Sober. O día 28 é, efectivamente, día de feira en Sober, como sinala o relato.

Antonio Gallego Teimoy, morto a balazos en 1938

Natural do Incio e con residencia en Sober, Antonio Gallego Teimoy, labrego, foi xulgado por rebelión e auxilio á rebelión (data da resolución: xullo de 1937).

Foi morto por disparos da forza pública o 3 de agosto de 1938. O seu cadáver aparece en Toldaos-O Incio.

Testemuños orais din que era natural do Incio e que alí estivo fugado. Para collelo, contan que indendiaron o monte, obrigándoo a saír do escondite e abatíndoo a balazos. A súa viúva en Sober quedou con varios fillos, aos que outra xente do lugar llos axudou a criar.

Fontes:

Vítimas de Lugo

– Testemuños orais.

José Benito Mantilla González, paseado

Un dos asasinatos que máis impactou na memoria das xentes de Sober foi o de José Benito Mantilla González, de Rosende, un dos concelleiros da corporación municipal de 1936 (concelleiro de elección gubernativa Frente Popular – Izquierda Republicana).

A súa morte está perfectamente documentada. Foi rexistrada o 11 de setembro de 1936 (ver), con 63 anos.

“Xulgado e declarado en rebeldía. Rexistrado morto en Monforte de Lemos a causa de parálise bulbar. Lugar de aparición do cadáver: km. 4 da estrada de Escairón. Apareceu ás primeiras horas da mañá.” [Nomes e Voces].

A memoria oral conta que antes de asasinalo lle arincaron todas as unllas das mans, feito que non está corroborado.

Un asasinado na ribeira de Bolmente

P1010316

Un tal Santiago de Rosende, ao que “perseguían os fascistas” tiña un refuxio nas Pesqueiras, cerca da Cividade (na ribeira de Bolmente).

Cerca noite, de madrugada, foron “os fascistas” a petarlle á porta ao Luciano de Ferrón, que vivía en Viloriz. Este logrou escapar por un sitio da casa e correu agocharse ao refuxio das Pesqueiras, pero “os fascistas pegaron coa muller”.

O Luciano foi durmir ao refuxio das Pesqueiras. Alí non atopou esa noite ao Santiago de Rosende, e non puido avisalo de que as “partidas” andaban por Bolmente. Antes do amencer, colleu algo de abrigo e saiu cara a casa, pero polo camiño viñan os fascistas, así que se tivo que agochar nun silveiro. Nestas, fíxose de día e os paxaros comezaron a piar ao seu carón, tendo o Luciano que mandarlle pedras para espantalos e que a partida non o localizase.

Os “fascistas” marcharon ao non atopalo e, cando viñan da ribeira, atoparon ao Santiago de Rosende que ía cara as Pesqueiras. Disparáronlle nunha perna e el escapou ferido como puido pero, o xefe da partida, atopouno e rematouno, cravándolle tamén un coitelo na gorxa.

A partida trouxo ao Santiago morto nunha escada de madeira ao adro da igrexa de Bolmente para que o vise o pobo.

Ao Santiago enterrárono fóra do camposanto, á esqueda do pórtico da igrexa de Bolmente.

P1090098

Dicían logo que a muller do Santiago cravara o coitelo na porta da casa do cura.

MAPA cos lugares do relato: aquí.

* Recollido en 2008 dun informante de Bolmente nado en 1927. Testemuña directa.

Esta historia do agocho das Pesqueiras tamén a coñece un informante de Vilaescura.

Morto por non berrar ¡Viva España! (descoñecido)

francos Un home de Francos de Proendos, xa finado, contounos en 2006 a seguinte historia sobre a represión.

O entrevistado lembraba que no Concello gobernaban “os socialistas”. “Daquela, era coma agora, había eleccións”.

Logo do “alzamento”, un home de Proendos estaba a “botar un pito” na Grila (lugar de Francos de Proendos). A Garda Civil achegóuselle e exclamou: “¡Viva España!” (ou “¡Arriba España”).

O home que fumaba rosmou algo polo baixo, así que, a Garda Civil, apuntándolle coas armas, inquiriu:

– “Repita: ¡Viva España!”.

O home respondeu:

– “¡Viva el comunismo!”.

Ante esto, os axentes da Garda Civil abatírono a disparos.

A xente do lugar, entre eles o entrevistado, tiveron que facerlle garda ao cadáver “ata o día seguinte”. O entrevistado di que el era un rapaz, de 14 anos, máis ou menos, aínda que non lembra ben.

A foto é do camiño entre o Cima do Lugar e A Grila, ambos lugares de Francos de Proendos.

O entrevistado fixo referencias a outras historias do lugar de Francos de Proendos, recollidas tamén doutras persoas: o disparo ao cura da parroquia, a historia dun veciño que estivo nun campo de concentración e a como outro veciño agochou ao seu cuñado, ao que perseguían, nun mangado de palla e o levou a outro lugar.

De Proendos, refire María Jesús Souto Blanco dúas mortes extraxudiciais no ano 1936 (Antonio Arias Álvarez e José González Conde, este último morto no asalto ao Centro Obreiro de Sober por falanxistas e militares). Tamén se rexistra o asasinato de Jesús Rodríguez Rodríguez por “disparo de arma de fuego” pola Garda Civil o 24 de abril de 1938 nalgún lugar de Sober, que podería ser a persoa á que se refire este relato.