Unha historia recollida en Santiorxo

11164570_10206634162316414_4502833364477924349_n

Xosé Luis Rivas, “Mini”, impartiu clase no colexo de Sober en 1974.

A pesar de estar só catro meses de mestre, quedou na lembranza do alumnado por introducir, xunto con outro mestre que facía unha substitución, métodos de ensino propios dunha sociedade democrática, fronte aos modelos franquistas: xogar co alumnado no recreo, deixar de rezar, que os nenos e nenas ensinen o seu entorno…

Mini aprendeu palabras propias de Sober (os “bullós”, as “carrolas”…) e, nunha comida polo San Brais en Santiorxo, de dous vellos da parroquia escoitou esta historia.

Seica a un home, nos anos da guerra, os falanxistas o perseguían e, na ponte de Canaval, o home quedou agarrado á beira coas mans, machacándollas os perseguidores coa culata da escopeta.

O home logrou fuxir a Portugal e, anos despois, en Monforte, nun bar, asistiu á partida de cartas que botaban os seus perseguidores de antano. Rematada a partida, puxo as súas mans sobre a mesa preguntándolles se o coñecían, se lembraban. Sen mediar máis palabra, asestoulles un tiro a cada un e escapou.

A dureza das feridas.

Fonte:

– Historia escoitada por Xosé Luis Rivas “Mini” en Santiorxo en 1974.

Graciano Martínez Romero, suceso violento en 1931

José Antonio Cardelle facilítanos a seguinte información sobre este concelleiro da corporación de 1936, expedientado sen sanción, que reproducimos integramente pola súa precisión.​

Graciano Martínez Romero foi condenado durante a República por posesión de armas e por disparo e lesións.

Aquí coñecemos o seu historial e o suceso violento acontecido en Lobios en 1931.

Continue reading

Domingo Mantilla González

Factor de ferrocarril de 33 anos, que aparece en Nomes e Voces como natural de Ribadavia. Morreu de encefalite tífica na prisión.

No libro Longa noite de pedra no Mosteiro de San Salvador. Represión e reclusión en Celanova (1936-1943), de Domingo Rodríguez Teijeiro, figura Domingo Mantilla González como natural de Rosende, con 35 años, e de oficio factor ferroviario. Faleceu o 26 de setembro de 1939 na prisión a consecuencia de encefalite tífica.

Esta referencia foi facilitada por J. A. Cardelle.

Antolín Mantilla González

Home de 20 anos, consta en Nomes e Voces como veciño de Monforte condenado a 15 anos de prisión por “auxilio á rebelión”.

Non obstante, cos datos que atopou José Antonio Cardelle, podemos identificar a Antolín coma un dos irmáns Mantilla González perseguidos polo Franquismo, todos da parroquia de Rosende.

“De 20 años, soltero, labrador, hijo de José y Ramona, natural y vecino de Rosende (Sober). Según el Libro Registro de Expedientes de Responsabilidades Políticas del Juzgado de Monforte de Lemos, se le incoó la pieza separada de responsabilidad número 6/42 el 10 de noviembre de 1942; figuraba con el número 727 del Juzgado Especial de lo Civil de Coruña. No constan más datos.”

Máis datos sobre María Vázquez Suárez e sobre os tempos da guerra en Vilaescura: unha xornada de recollida coa súa afillada

María Vázquez vestida con traxe típico.

María Vázquez vestida con traxe típico.

* Hoxe acompañamos a Montse Fajardo a visitar a María Victoria Vázquez Aguirre, que foi afillada de María Vázquez Suárez, a mestra de Miño – de familia de Vilaescura – asasinada en 1936. Tamén nos acompañou Pepe “Carrelo”, da súa familia.

Montse Fajardo está a facer un traballo sobre persoas represaliadas polo Franquismo no que incluirá a historia de María Vázquez Suárez.

Poñémosvos neste post unha serie de datos curiosos e fotografías. Para ampliar información, consultade a entrada sobre María neste blogue (aquí), cunha ligazón a un artigo de Juan Sobrino Ceballos, e agardemos tamén ao traballo de Montse Fajardo, a quen damos as grazas por vir e interesarse por unha das nosas mulleres máis senlleiras.

A familia Vázquez-Suárez.

María Víctoria contounos que súa nai, Victoria, moi achegada a María, sentira a súa morte coma a dunha filla. Berrara desesperada porque a asasinaran: “Non o merecía!”. Sempre se laiaba Victoria que fora unha morte inxusta e sempre lembraba a grandísima calidade humana de María Vázquez Suárez, tan amiga dela – ademais de familiar – que se propuxera afillar á criatura que Victoria alumbraría.

María Victoria naceu en 1928, así que lembra pouco a María, pero lembra que a foran ver a Pobra do Caramiñal, onde ela estivera de mestra, e tamén a Miño. Ademais, María viña todos os veráns a Vilaescura, á casa familiar, onde – lembra María Victoria – facía traballos de bordado fermosísimos. Precisamente, lembra María Victoria que lles cosía uniformes para as súas alumnas e que os facía sen “distinción de clase”. A María Victoria tamén lle cosía uns fermosos vestidos nos veráns de Vilaescura.

2014-11-05 18.01.54

Finca e casa da familia Vázquez-Suárez en Vilaescura.

A familia de María non ía a misa en Miño, porque seica non “estaban moi ben co cura”, que despois a denunciou.

O pouco tempo que estivo no cárcere non a puido visitar a familia. Lembra María Victoria que cando a asasinaron, María tiña a menstrución e que o pai, Joaquín, gardara os panos que ela usara. El tiña gardados todos os recordos da súa filla e unha bandeira republicana. María Victoria conserva revistas pedagóxicas do ano 1926 e 1927 que María encuadernara.

2014-11-05 17.36.05 2014-11-05 17.27.50

Do pai de María, Joaquín, que veu a Vilaescura en 1941, lémbranos o “Carrelo” que era “moi de esquerdas”, igual que un sobriño seu, a diferencia dunha irmá e unha sobriña, que eran “moi de dereitas”. A familia era de dereitas e axudou a agochar xente “socialista” durante a guerra. Precisamente, o pai de Carrelo tivo agochado nun ciprés a un mozo “socialista”. A nai de María Victoria tamén agochou a un mozo no faiado.

Naquel tempo da guerra “non se sabía quen ía gañar”. Había un comandante que dicía: “Non vos metades en nada, que non sei eu quen vai gañar”.

En Vilaescura mataron a varias persoas. Os falanxistas viñeron “nun tractor”, estaban “organizados”. Xusto despois do golpe a xente “socialista” requisara armas nas casas. E houbera uns rapaces de 16 anos que roubaran os badais das campás da igrexa. A muller á que pediran a chave, Remedios, non os quixo denunciar: “Podédesme matar, pero eu non digo quen foi”. Dicía que se os denunciaba que os matarían.

Sobre o pai de María, lembra o Pepe que el a animou a ir a mitins porque falaba moi ben. Cando ela foi asasinada, o pai pasouno mal e toda a vida que lle quedou gustou da soidade. Ía todas as tardes a unha pequena casoupa que construíu afastada das casas, a ler o xornal e estar só. Pouco antes de morrer fora un tempo á misa, “por cumplir”, e enterrárono no camposanto en Vilaescura, nunha tumba de terra.

2014-11-05 17.44.39

Retrato de María Vázquez.

María Victoria lembra que foi a Pontedeume e viu a lápida de María, que poñía o seu nome, pero que esta desapareceu despois. “Unha guerra é-che o pior do mundo”, di María Victoria.

Xa cando nos imos cóntanos que dicían que as últimas palabras de María antes de morrer foran: “Viva a República!”

2014-11-05 20.45.37

María Vázquez.

A familia Feijoo Rodríguez de Gundivós, marcada pola persecución do Franquismo (6 vítimas)

A familia Feijoo Rodríguez, de Gundivós, é un triste exemplo de como a persecución do novo réxime se cebou coas persoas “de esquerda” e coas súas familias.

Ademais do terríbel suceso de Amador asasinado en Sober (está por comprobar se Amador é irmán do resto de irmáns que se sinalan aquí), está o caso de José María Feijoo Rodríguez, que estivo fuxido e, por esta causa, apresaron aos seus irmáns e irmás.

– Amador Feijoo Rodríguez, aparecido morto en Sober. Morte rexistrada o 28 de agosto de 1936 en Vilamelle. Ver aquí o testemuño recollido oralmente. Por comprobar se é irmán ou familia dos seguintes.

– José María Feijoo Rodríguez, concelleiro encarcelado. Ver aquí a súa historia.

José María foi detido en setembro de 1941, polo que supoñemos que pode ser unha das persoas fugadas que lembra a xente de Gundivós. De Gundivós, lembran que detiñan, a xeito de reféns, a familiares de escapados para presionalos para que se entregasen. Este foi un mecanismo represivo común na provincia de Lugo, segundo refire Mª Jesús Souto.

De feito, as irmás e irmáns de Amador e José María foron represaliados:

– Celia Feijoo Rodríguez, de 30 anos, labrega. Estivo detida no cárcere de Monforte e na prisión de Lugo entre o 6/3/1940 e 3/4/1940, por auxilio aos fuxidos, sendo posta en liberdade nesta última data.

– Germán Feijoo Rodríguez, de 26 anos, de iguales circunstancias, e polo mesmo tempo e motivos, nos mesmos presidios.

– Manuel Feijoo Rodríguez, de 29 anos, de iguales circunstancias, e polo mesmo tempo e motivos, nos mesmos presidios.

– Ramona Feijoo Rodríguez, de 37 años, de iguales circunstancias, e polo mesmo tempo e motivos, nos mesmos presidios.

Fonte: datos de J. A. Cardelle; testemuños orais; investigacións de Mª Jesús Souto Blanco.

Ramón Rodríguez Fernández, cadáver aparecido en Vilamelle

Rapaz de 18 anos rexistrado morto a causa de hemorraxia en Vilamelle o 28 de agosto de 1936.

Fonte: Nomes e Voces.

J. A. Cardelle chama a tención de que esta aparición coincide coa de Amador Feijoo, atopado morto no mesmo día e lugar.

O relato que nos transmitiu unha persoa maior de Gundivós sinala que os dous cadáveres foron atopados en Sober, e que de alí os levaron os falanxistas.

Ver o relato oral aquí.