Unha historia recollida en Santiorxo

11164570_10206634162316414_4502833364477924349_n

Xosé Luis Rivas, “Mini”, impartiu clase no colexo de Sober en 1974.

A pesar de estar só catro meses de mestre, quedou na lembranza do alumnado por introducir, xunto con outro mestre que facía unha substitución, métodos de ensino propios dunha sociedade democrática, fronte aos modelos franquistas: xogar co alumnado no recreo, deixar de rezar, que os nenos e nenas ensinen o seu entorno…

Mini aprendeu palabras propias de Sober (os “bullós”, as “carrolas”…) e, nunha comida polo San Brais en Santiorxo, de dous vellos da parroquia escoitou esta historia.

Seica a un home, nos anos da guerra, os falanxistas o perseguían e, na ponte de Canaval, o home quedou agarrado á beira coas mans, machacándollas os perseguidores coa culata da escopeta.

O home logrou fuxir a Portugal e, anos despois, en Monforte, nun bar, asistiu á partida de cartas que botaban os seus perseguidores de antano. Rematada a partida, puxo as súas mans sobre a mesa preguntándolles se o coñecían, se lembraban. Sen mediar máis palabra, asestoulles un tiro a cada un e escapou.

A dureza das feridas.

Fonte:

– Historia escoitada por Xosé Luis Rivas “Mini” en Santiorxo en 1974.

Un asasinado na ribeira de Bolmente

P1010316

Un tal Santiago de Rosende, ao que “perseguían os fascistas” tiña un refuxio nas Pesqueiras, cerca da Cividade (na ribeira de Bolmente).

Cerca noite, de madrugada, foron “os fascistas” a petarlle á porta ao Luciano de Ferrón, que vivía en Viloriz. Este logrou escapar por un sitio da casa e correu agocharse ao refuxio das Pesqueiras, pero “os fascistas pegaron coa muller”.

O Luciano foi durmir ao refuxio das Pesqueiras. Alí non atopou esa noite ao Santiago de Rosende, e non puido avisalo de que as “partidas” andaban por Bolmente. Antes do amencer, colleu algo de abrigo e saiu cara a casa, pero polo camiño viñan os fascistas, así que se tivo que agochar nun silveiro. Nestas, fíxose de día e os paxaros comezaron a piar ao seu carón, tendo o Luciano que mandarlle pedras para espantalos e que a partida non o localizase.

Os “fascistas” marcharon ao non atopalo e, cando viñan da ribeira, atoparon ao Santiago de Rosende que ía cara as Pesqueiras. Disparáronlle nunha perna e el escapou ferido como puido pero, o xefe da partida, atopouno e rematouno, cravándolle tamén un coitelo na gorxa.

A partida trouxo ao Santiago morto nunha escada de madeira ao adro da igrexa de Bolmente para que o vise o pobo.

Ao Santiago enterrárono fóra do camposanto, á esqueda do pórtico da igrexa de Bolmente.

P1090098

Dicían logo que a muller do Santiago cravara o coitelo na porta da casa do cura.

MAPA cos lugares do relato: aquí.

* Recollido en 2008 dun informante de Bolmente nado en 1927. Testemuña directa.

Esta historia do agocho das Pesqueiras tamén a coñece un informante de Vilaescura.