Máis datos sobre María Vázquez Suárez e sobre os tempos da guerra en Vilaescura: unha xornada de recollida coa súa afillada

María Vázquez vestida con traxe típico.

María Vázquez vestida con traxe típico.

* Hoxe acompañamos a Montse Fajardo a visitar a María Victoria Vázquez Aguirre, que foi afillada de María Vázquez Suárez, a mestra de Miño – de familia de Vilaescura – asasinada en 1936. Tamén nos acompañou Pepe “Carrelo”, da súa familia.

Montse Fajardo está a facer un traballo sobre persoas represaliadas polo Franquismo no que incluirá a historia de María Vázquez Suárez.

Poñémosvos neste post unha serie de datos curiosos e fotografías. Para ampliar información, consultade a entrada sobre María neste blogue (aquí), cunha ligazón a un artigo de Juan Sobrino Ceballos, e agardemos tamén ao traballo de Montse Fajardo, a quen damos as grazas por vir e interesarse por unha das nosas mulleres máis senlleiras.

A familia Vázquez-Suárez.

María Víctoria contounos que súa nai, Victoria, moi achegada a María, sentira a súa morte coma a dunha filla. Berrara desesperada porque a asasinaran: “Non o merecía!”. Sempre se laiaba Victoria que fora unha morte inxusta e sempre lembraba a grandísima calidade humana de María Vázquez Suárez, tan amiga dela – ademais de familiar – que se propuxera afillar á criatura que Victoria alumbraría.

María Victoria naceu en 1928, así que lembra pouco a María, pero lembra que a foran ver a Pobra do Caramiñal, onde ela estivera de mestra, e tamén a Miño. Ademais, María viña todos os veráns a Vilaescura, á casa familiar, onde – lembra María Victoria – facía traballos de bordado fermosísimos. Precisamente, lembra María Victoria que lles cosía uniformes para as súas alumnas e que os facía sen “distinción de clase”. A María Victoria tamén lle cosía uns fermosos vestidos nos veráns de Vilaescura.

2014-11-05 18.01.54

Finca e casa da familia Vázquez-Suárez en Vilaescura.

A familia de María non ía a misa en Miño, porque seica non “estaban moi ben co cura”, que despois a denunciou.

O pouco tempo que estivo no cárcere non a puido visitar a familia. Lembra María Victoria que cando a asasinaron, María tiña a menstrución e que o pai, Joaquín, gardara os panos que ela usara. El tiña gardados todos os recordos da súa filla e unha bandeira republicana. María Victoria conserva revistas pedagóxicas do ano 1926 e 1927 que María encuadernara.

2014-11-05 17.36.05 2014-11-05 17.27.50

Do pai de María, Joaquín, que veu a Vilaescura en 1941, lémbranos o “Carrelo” que era “moi de esquerdas”, igual que un sobriño seu, a diferencia dunha irmá e unha sobriña, que eran “moi de dereitas”. A familia era de dereitas e axudou a agochar xente “socialista” durante a guerra. Precisamente, o pai de Carrelo tivo agochado nun ciprés a un mozo “socialista”. A nai de María Victoria tamén agochou a un mozo no faiado.

Naquel tempo da guerra “non se sabía quen ía gañar”. Había un comandante que dicía: “Non vos metades en nada, que non sei eu quen vai gañar”.

En Vilaescura mataron a varias persoas. Os falanxistas viñeron “nun tractor”, estaban “organizados”. Xusto despois do golpe a xente “socialista” requisara armas nas casas. E houbera uns rapaces de 16 anos que roubaran os badais das campás da igrexa. A muller á que pediran a chave, Remedios, non os quixo denunciar: “Podédesme matar, pero eu non digo quen foi”. Dicía que se os denunciaba que os matarían.

Sobre o pai de María, lembra o Pepe que el a animou a ir a mitins porque falaba moi ben. Cando ela foi asasinada, o pai pasouno mal e toda a vida que lle quedou gustou da soidade. Ía todas as tardes a unha pequena casoupa que construíu afastada das casas, a ler o xornal e estar só. Pouco antes de morrer fora un tempo á misa, “por cumplir”, e enterrárono no camposanto en Vilaescura, nunha tumba de terra.

2014-11-05 17.44.39

Retrato de María Vázquez.

María Victoria lembra que foi a Pontedeume e viu a lápida de María, que poñía o seu nome, pero que esta desapareceu despois. “Unha guerra é-che o pior do mundo”, di María Victoria.

Xa cando nos imos cóntanos que dicían que as últimas palabras de María antes de morrer foran: “Viva a República!”

2014-11-05 20.45.37

María Vázquez.

A represión sobre as mulleres

14

En Sober, constan tres mulleres procesadas por rebelión militar e auxilio á rebelión, dúas delas labregas de Doade – núcleo de activismo agrario e político nos anos 30 -.

Ademais, a represión contra as mulleres exerceuse de distintas maneiras, torturándoas para que delataran a familiares fuxidos, violándoas, roubándolles a comida da casa…

Das torturas escarnios efectuados contra mulleres, referidas por varias testemuñas orais, destaca o rapado da cabeza e as “purgas” con aceite de ricino. O feito de rapar ou “pelar” ás mulleres é unha acción represiva específica de xénero, coa intención de deixar “marcadas” ás mulleres que foran “rojas”.

Contan que na Pena de Proendos raparon a todas as mulleres, para que delatasen a familiares fuxidos.

Outras testemuñas din que a algunhas persoas, entre elas polo menos unha muller, lles fixeron “beber gasolina con augarrás”, provocándolles lentamente a morte.

A muller do “Luciano de Ferrón” foi torturada e/ou violada polos “fascistas” na súa casa de Viloriz porque o seu marido conseguira escapar á ribeira.

A un matrimonio de Seoane, Gundivós, esposáronos a un fachón de palla.

En Fondón (Gundivós) mataron a unha muller preñada xunto co seu home, na súa casa.

Rosa Fernández Rodríguez

Labrega de 62 anos, de Vilachá (Doade), Rosa Fernández Rodríguez foi xulgada en Lugo por auxilio á rebelión co resultado de sobresemento provisional.

Cóntanos J. A. Cardelle que foi detida por auxilio aos fuxidos en varias ocasións entre o 9 de agosto de 1937 e o 19 de xullo de 1940 nos cárceres de Monforte e Lugo.

María Vázquez Suárez, mestra asasinada en 1936

13Maruja, como lle chamaba a súa familia, natural de Vilaescura, foi mestra na Pobra do Caramiñal e en Miño dende 1918 ata 1936, ano en que foi asasinada.

María Vázquez Suárez naceu en Santiago en 1895, filla de Joaquín Vázquez (de Vilaescura) e Andrea Suárez. O título de mestra superior acádao en 1913 e en 1918 é nomeada para a escola de nenas da Pobra do Caraminal.  En decembro de 1929 consigue a praza de mestra na escola nº 2 de Miño.

Dende o inicio da súa andaina profesional, interesouse pola formación pedagóxica, recibindo cursos de perfeccionamento na Coruña, e simpatizou co movemento de renovación pedagóxica que se estaba a impulsar pola República.

En Miño é lembrada pola súa actividade solidaria a prol das persoas máis desfavorecidas.

María militou no PSOE, participando en mitins e diversos actos, e foi fundadora da agrupación socialista de Miño en 1933. Estaba, tamén, afiliada a UGT dende 1933 e era socia de agrupacións feministas.

En 1933 María impartiu unha conferencia no local coruñés da Liga Internacional de Mulleres Ibéricas e Hispano-Americanas.

Contan que foi animada á “vida pública” polo seu pai, Joaquín Vázquez Fernández, militar retirado ascendido a capitán polos seus servizos na guerra de Cuba, que vira na súa filla unha grande oradora e defensora da liberdade.

No momento do golpe militar, María atopábase na Coruña, onde foi detida a inicios de agosto e trasladada ao cárcere de Pontedeume. Alí parece que sufríu tortura e ao seu pai nunca lle deixaron pasar a entregarlle roupa ou comida.

O 14 de agosto foi destituída como mestra.

Na madrugada do 19 de agosto, sacaron a María do cárcere, xunto con outros presos, e foi asasinada nunha praia de Miño. A súa morte non foi rexistrada ata decembro.

Foi acusada entre outras cousas de postular a escola laica e o amor libre, así como de enterrar á súa nai sen rito católico (cando Andrea morreu en 1934, realizáronlle un enterro civil). Ademais, foi tachada de “elemento peligrosísimo”.

Tras a súa morte, Joaquín foi obrigado a abandonar Miño.

[Fontes: testemuños orais, documentos atopados na casa familiar, proxecto nomesevoces.net, artigo de Juan Sobrino Ceballos e Manuel Domínguez Ferro].

foto maría“Que pouco vale unha mestra! Un achegamento á figura de María Vázquez Suárez” é o título do artigo que Juan Sobrino Ceballos e Manuel Domínguez Ferro adicaron a esta muller con raiceiras na parroquia soberina de Vilaescura. Pódese ler no número 18 de Cátedra – Revista eumesa de estudios, que se pode consultar on-line aquí.

3Dende o asasinato de Maruja, o pai, xa con máis de sesenta anos, caeu nunha depresión que o mantivo afastado da sociedade ata a súa morte, salvo polas esporádicas visitas a outros represaliados da comarca, acudindo todas as tardes a un pequeno agocho que acondicionou en Vilaescura, cerca de Penabión, e que é coñecido como a “casiña do capitán”.

P1000473Por detrás da foto que se reproduce arriba Joaquín Vázquez escribiu as seguintes liñas, quizais pensando en que algún día se recoñecería a inxustiza da morte da súa filla e a de tantos mestres e mestras comprometidas na causa da dignidade humana: “Maruja Vázquez Suárez – maestra de Miño – fusilada por los fascistas de Puentedeume el 21 de Agosto de 1936. ¡Cobardes!” 21