Sober, a 80 anos do golpe: aínda sen relato

$2240-0002-0001_jos___alvarez_1

Daniel Álvarez Carnero, alcalde executado

Texto: Paula Vázquez Verao

Sober foi un dos concellos nos que , tendo maioría absoluta o PP,  acordou por unanimidade – e así o fixo – celebrar unha homenaxe ás vítimas do Franquismo do municipio e condenar o réxime Franquista,  logro que nos enche de orgullo, pois partiu dun traballo e insistencia de anos.

Malia todo, o discurso sobre aquel tempo está fóra do debate e a súa memoria exiliada do espazo público: nin unha simple placa que lembre as vítimas, nin mención en páxinas locais oficiais, nin un retrato dos alcaldes republicanos de Sober, ningún nome, ningunha voz…

O que sucedeu en Sober dende aquel verán de 1936 non difire das dinámicas xerais do resto de Galicia: a desarticulación total do tecido asociativo e político republicano, coa eliminación ou exilio de dirixentes sociopolíticos, a desaparición das organizacións de
clase, a sumisión das mulleres… Obxetivos conseguidos mediante a imposición
consciente do terror, a través de distintos mecanismos represivos, cuxos efectos persisten na actualidade.

Caracterízase Sober por certas peculiaridades, por ser un foco de amplo movemento campesiño – aínda non se tiñan redimido os foros – e obreiro, de voto esquerdista, que foi obxecto dunha das máis feroces operacións de represión da provincia de Lugo.

ANOS 30: FERVEDOIRO POLÍTICO E DE LOITA SOCIAL

Foi un fito fundamental que marca a evolución histórica da comarca a chegada do
ferrocarril en 1883, convertíndose a cidade de Monforte en nudo central das comunicacións ferroviarias entre Galicia e o resto da península. Nos anos 30, a construción da vía Zamora –  A Coruña congrega en Canaval operarios ferroviarios, sendo este un núcleo socialista (UGT), tamén entre os operarios da cerámica, ademais de ser esta estación punto de descarga do mineral de Freixo. Como en todo o sur de Lugo exténdese o socialismo, na súas vertentes sindical e político institucional.

A conxunción da toma de conciencia social entre  xornaleiros no campo e operarios do ferrocarril, así como entre os mineros de Freixo, nun territorio dominado pola oligarquía tradicional, donde funciona o sistema caciquil, convirte a zona de Lemos nun espazo de especial conflictividade nos anos 30.

Neste tempo, a actividade política é frenética, con mítins masivos e gran mobilización popular cando a proclamación da República, documentándose episodios de violencia política, como un suceso violento por discusión política en 1931 na parroquia de Lobios, ou importantes mobilizacións campesiñas, como a protesta documentada en Sober por La Voz de Galicia, no diario do 1 de xuño de 1933: “se congregaron frente a la Casa Consistorial del referido Ayuntamiento (Sober), cerca de tres mil campesinos … para protestar del aumento del presupuesto en más de cincuenta mil pesetas”.

Tivo tamén gran  incidencia a revolución de 1934 no val de Lemos e San Clodio: con folga xeral, corte de comunicacións ferroviarias e actos de saqueo e enfrontamentos coas forzas da orde. En Vilachá, Doade, foron inutilizados postes da luz con dinamita, o que provocou a caída do suministro eléctrico en Monforte (vid: Souto Blanco). De Sober, foron 34 as persoas detidas con motivo dos sucesos revolucionarios (vid: Souto Blanco).

Podemos observar, ademais, o rastro dunha crecente politización das mulleres, cuxa participación política e asociativa aumenta durante os anos da IIª República, debido ao proceso de cambio social vivido coa industrialización e polos cambios legais sancionados pola Constitución de 1931. Así, nas fotografías e prensa da época detéctase a activa participación feminina nas multitudinarias manifestacións do 1º de maio de 1936 en Monforte – cunha pancarta de Sober  –  ou na homenaxe que o 8 de xaneiro de 1933 recibe o mestre de Sober e integrante da UGT,  Juan Antonio Fernández del Campo. O diario destaca “su acendrado republicanismo” e “sus gestiones en pro del progreso del pueblo de Sober”, indicando que se lle tributará homeaxe da “conjunción republicano-socialista del distrito de Sober.”

A seguinte foto, da familia Fernández-Rivero, inmortaliza o citado acto de homenaxe.

Sober 1.933

Foto da pancarta de Sober na manifestación do 1º de maio do 1936 en Monforte.

1º maio 1936 Monforte

UNS FATAIS DÍAS DE XULLO: RESISTENCIA AO GOLPE MILITAR E REPRESIÓN INMEDIATA

Cando se coñece a nova do golpe de Estado na provincia, o 19 de xullo, unha partida de
homes armados, procedentes de Sober e Monforte, xunto con outros do resto da provincia, diríxense a Lugo para defender a legalidade, pero, ante o triunfo dos sublevados na capital, – o Estado de Guerra na provincia declárase o 20 de xullo ás 15 horas – regresan, sendo interceptados na Pobra de San Xiao, sufrindo algunha baixa e ingresando o resto no cárcere provincial.

O propio día 20 de xullo, a Garda Civil toma Monforte e inícianse as detencións de xente de “esquerdas”. A seguir, os ferroviarios declaran folga xeral, namentras unha partida de Garda Civil, xunto con voluntarios e falanxistas, inician as operacións de control sobre os arredores de Monforte, rexistrándose en Sober resistencia armada no centro obreiro. As operacións de “limpieza en el extrarradio” (vid: Souto Blanco) finalizan o 23 de xullo.

BALANCE DA REPRESIÓN EN SOBER

Así, a represión franquista de primeira hora está marcada polo feito de ter sido Sober e a comarca unha zona de resistencia ao “Alzamiento”, o que motivou maior dureza represiva que noutras zonas da provincia, sendo os tres primeiros meses tras o golpe militar os máis duros da represión. En Sober, son executadas oficialmente cinco persoas – entre elas o último alcalde republicano de Sober – e rexístranse outras mortes extraxudiciais.

Hai que destacar a importante presenza de Falange na zona, cun núcleo en Monforte de medio cento de afiliados antes da guerra, producíndose detencións de falanxistas dende 1935 (vid: Souto Blanco). Así, tras o golpe militar, destaca esta zona pola actuación impune e arbitraria de Falange, o que provocou unha dureza e arbitrariedade represiva maior que noutros luagres nos primeiros tempos. A memoria oral garda o terror e dureza destas actuacións fóra da “legalidade” que impuña, ilegalmente, o Franquismo.

Podemos observar como a represión carcelaria das xentes de Sober é das máis altas da provincia, con 253 entradas no cárcere entre 1936 e 1940 (vid: Souto Blanco). En xeral, o Partido Xudicial de Monforte aporta o 25,5% de ingresos políticos no cárcere, cando, segundo o censo de 1930, só conta co 10,77% da poboación provincial.

Destaca tamén a importancia de persoas labregas represaliadas en Sober, destacando o caso de nove mulleres, así como – igual que no resto do sur lucense – a represión do ano 1939 e seguintes, relacionada cos “fuxidos”, con entradas colectivas de mulleres no cárcere.

A represión excede a brutal maquinaria sanguinaria que sega vidas: están as sancións económicas, as rapas colectivas de mulleres – a memoria oral documéntaas na Pena de Proendos -, o que supón moral e economicamente ter familiares presos ou presas, o posible aumento da violencia sexual, o exilio e o propio terror imposto, que sepultou por décadas unha cultura política minimamente democrática.

PARA SABER MÁIS: BIBLIOGRAFÍA E RECURSOS

– DÍAZ RODRÍGUEZ, XOÁN CARLOS 2012: Monforte de Lemos a finais do XIX: un achegamento á estrutura socioprofesional e ás clases sociais. En: Murguía. Revista Galega de Historia nº 25. IGALHIS. Santiago de Compostela.

– FERNÁNDEZ PRIETO, LOURENZO et ALII 2008: La mujer en el vórtice del terror: Golpe de Esado, represión y género (Galicia 1936-1939). Texto conferencia. Proxecto
interuniversitario Nomes e Voces: http://www.nomesevoces.net/web/media/documento/texto_conferencia_perpignan.pdf

– LÓPEZ GONZÁLEZ, ROSA MARÍA 2010: Juan Tizón Herreros. El pensamiento
hecho palabra. Fundación Luís Tilve. Lugo.

– LÓPEZ QUIROGA, GERMÁN (ed.) 2007: Historia de un paseo. Autoedición. Santiago de Compostela.

– MÍGUEZ MACHO, ANTONIO 2009: Xenocidio e represión franquista en Galicia. Lóstrego. Santiago de Compostela.

– O TRÍCOLE, GRUPO (2009): Un pouquiño de Tradición Oral do Concello de Sober (II). Imprenta Fénix. Monforte.

– PATIÑO REGUEIRA, ANTÓN 2005: Memoria de Ferro. A Nosa Terra. Mos.

– PRADA RODRÍGUEZ, Julio (ed.) 2013: Franquismo y represión de género en Galicia. Catarata. Madrid.

– SOBRINO CEBALLOS, JUAN y DOMÍNGUEZ FERRO, MANUEL 2011: “Que
pouco vale unha mestra! Un achegamento á figura de María Vázquez Suárez. En Cátedra.
Revista eumesa de estudios nº 18: 209 – 228.

– SOUTO BLANCO, MARÍA JESÚS 1998: La represión franquista en la provincia de
Lugo (1936 – 1940). Ediciós do Castro. Sada.

– Proxecto interuniversitario Nomes e Voces: http://www.nomesevoces.net/

– Souto Blanco, María Jesús: A represión franquista e as súas zonas de penumbra. Vítimas confirmadas e posibles en Lugo (1936-1940): http://www.lugo.es/cs/represion/index.jsp

Advertisements

Un cesto de mazás: memoria da morte para celebrar a vida

P1150820

“Este é un libro de memoria oral e haberá quen pense que as lembranzas das vítimas non son fiábeis, pero menos o son eses papeis oficiais nos que os rebeldes acusaban de rebelión aos defensores da legalidade republicana e nos que se falaba de hemorraxia interna cando habería que dicir asasinato·”

O pasado mércores (18 de novembro do 2015) tiven a honra de presentar en Sober a Luis Bará e a Montse Fajardo, que viña traernos Un cesto de mazás, historias das vítimas do 36 e do seu tempo, das asasinadas e das que quedaron (ai! “As que pasaron os que quedaron, aínda nadie o sabe”, como dicía Carmen Meaños Abuín, a Carrilla, a quen Montse adica este traballo), “un obituario das esquecidas” construído a través da memoria oral dos e das protagonistas e contado coa emoción e a humanidade que só ten quen de verdade se solidarida coa dor das oprimidas. Porque este é un libro escrito da lado das vítimas, “de todas”, porque “eu estou … do único lado en que podería estar: o dos silenciados, cos que este país ten unha débeda histórica, a da memoria”.

Foi Luis Bará – a quen Galiza debe tanto pola recuperación da dignidade das vítimas! – quen nos explicou o porqué do seu título, dese cesto de mazás a xeito de ofrenda polas persoas que sufriron: foi o cesto que o propio Luis Bará levou a Tucha, de Paredes, en pago por aquelas mazás que os cívicos lle estragaron cando viñeran buscando ao seu pai (véxase “A noite das nenas costureiras”, no blogue Non des a esquecemento).

El mesmo nos presentou este libro coma unha “reflexión sobre as múltiples facetas da dor, a das vítimas e a das que quedaban ao redor, coa imposibilidade de poder chorar aos seus”.

Luis Bará, impulsor do Ano da Memoria (2006), lembrounos a importancia social das homenaxes, do rescate colectivo da memoria de quen morreu loitando polos valores que hoxe dicimos defender. Nestes tempos, nos que volvemos ao dilema dos anos 30′, entre barbarie ou fraternidade, podemos ollarnos nestas historias para decididamente escoller a vida e pelexar por non caer, outravolta, na noite escura.

Montse Fajardo escribiu este feixe de historias porque “a xente que ten feridas precisa falar” e porque é preciso recoñecer o valor das xentes “que loitaron polos dereitos que agora reivindicamos”.

Quixo Montse Fajardo rescatar o lado máis humano das vítimas, como así o fixo de María Vázquez, contrapoñendo os estigmas que o seu expediente de depuración lle atribuía coas referencias que da mestra lle diron as súas alumnas e a súa afillada, Victoria, con quen se entrevistou en Sober o ano pasado. Destacou a autora que con María, como con moitas outras vítimas, se asañaron os fascistas polo seu labor de ensinar ás desfavorecidas, polo gran delito de axudar a que aprenderan a ler os pobres.

O libro é unha autoedición de gran calidade, con dezaseis historias acompañadas de cadansúa ilustración; historias fiadas cos recordos das vítimas e escritas a xeito de emotivos relatos que conforman un pranto coral polas que foron silenciadas, mais tamén un forte berro de vida e dignidade.

Un libro imprescindible. Imposible ler sen se emocionar.

Unha historia recollida en Santiorxo

11164570_10206634162316414_4502833364477924349_n

Xosé Luis Rivas, “Mini”, impartiu clase no colexo de Sober en 1974.

A pesar de estar só catro meses de mestre, quedou na lembranza do alumnado por introducir, xunto con outro mestre que facía unha substitución, métodos de ensino propios dunha sociedade democrática, fronte aos modelos franquistas: xogar co alumnado no recreo, deixar de rezar, que os nenos e nenas ensinen o seu entorno…

Mini aprendeu palabras propias de Sober (os “bullós”, as “carrolas”…) e, nunha comida polo San Brais en Santiorxo, de dous vellos da parroquia escoitou esta historia.

Seica a un home, nos anos da guerra, os falanxistas o perseguían e, na ponte de Canaval, o home quedou agarrado á beira coas mans, machacándollas os perseguidores coa culata da escopeta.

O home logrou fuxir a Portugal e, anos despois, en Monforte, nun bar, asistiu á partida de cartas que botaban os seus perseguidores de antano. Rematada a partida, puxo as súas mans sobre a mesa preguntándolles se o coñecían, se lembraban. Sen mediar máis palabra, asestoulles un tiro a cada un e escapou.

A dureza das feridas.

Fonte:

– Historia escoitada por Xosé Luis Rivas “Mini” en Santiorxo en 1974.

Verdade, xustiza, reparación

SAM_2995

Artigo de Xosé Lois García.

Das miñas habituais carreiriñas de sábado, que dou polo Barri Gòtic barcelonés, sorprendeume diante do frontal da Generalitat de Catalunya unha manifestación reivindicativa e para que prevaleza a verdade e a reparación de xustiza, polos que foron asasinados polo franquismo e condenados polo silencio dos neofranquistas. Urxe recompor a memoria daqueles que agardan que a súa dignidade e loita pola liberdade sexa facho flamexante e acenda a lumieira que o fascismo apagou.

SAM_2996

Neste acto había unha espléndida exposición de fotografías de mulleres e homes asasinados que dignifican verdade, xustiza e reparación. Unha exposición, moi apurada e de poucas horas de permanencia, para min moi íntima por varias razóns. Unha delas é que aquí estaban dúas fotografías de dous camaradas e amigos que coñecín na loita colectiva: Salvador Puig Antinch e Moncho Reboiras, tombados pola agresividade do monstro que non os puido engulir nin encubrilos de silencio, e aquí están gozando de lustrosas virtudes.

Continue reading

A xenética identifica aos 608 galegos do penal máis cruel do franquismo (en GC Ciencia)

san-cristob

90 galegos mortos
Fusilados, por aplicación da lei de fugas, por enfermidade, por fame, por malos tratos… Os seus corpos foron soterrados en fosas comúns no monte Ezcaba, en cemiterios dos pobos do arredor ata a súa saturación ou, xa na posguerra. no cemiterio das botellas, na propia prisión. No Forte de San Cristóbal houbo un total de 608 presos republicanos galegos, condenados polos tribunais militares postos en marcha tras a sublevación. 269 eran da provincia de Pontevedra; 157, de A Coruña; 95, de Ourense e 79, da de Lugo.

* Información completa aquí.

Entre os mortos, Daniel Canel González, de Sober: aquí.

Graciano Martínez Romero, suceso violento en 1931

José Antonio Cardelle facilítanos a seguinte información sobre este concelleiro da corporación de 1936, expedientado sen sanción, que reproducimos integramente pola súa precisión.​

Graciano Martínez Romero foi condenado durante a República por posesión de armas e por disparo e lesións.

Aquí coñecemos o seu historial e o suceso violento acontecido en Lobios en 1931.

Continue reading

Domingo Mantilla González

Factor de ferrocarril de 33 anos, que aparece en Nomes e Voces como natural de Ribadavia. Morreu de encefalite tífica na prisión.

No libro Longa noite de pedra no Mosteiro de San Salvador. Represión e reclusión en Celanova (1936-1943), de Domingo Rodríguez Teijeiro, figura Domingo Mantilla González como natural de Rosende, con 35 años, e de oficio factor ferroviario. Faleceu o 26 de setembro de 1939 na prisión a consecuencia de encefalite tífica.

Esta referencia foi facilitada por J. A. Cardelle.

Antolín Mantilla González

Home de 20 anos, consta en Nomes e Voces como veciño de Monforte condenado a 15 anos de prisión por “auxilio á rebelión”.

Non obstante, cos datos que atopou José Antonio Cardelle, podemos identificar a Antolín coma un dos irmáns Mantilla González perseguidos polo Franquismo, todos da parroquia de Rosende.

“De 20 años, soltero, labrador, hijo de José y Ramona, natural y vecino de Rosende (Sober). Según el Libro Registro de Expedientes de Responsabilidades Políticas del Juzgado de Monforte de Lemos, se le incoó la pieza separada de responsabilidad número 6/42 el 10 de noviembre de 1942; figuraba con el número 727 del Juzgado Especial de lo Civil de Coruña. No constan más datos.”

Máis datos sobre María Vázquez Suárez e sobre os tempos da guerra en Vilaescura: unha xornada de recollida coa súa afillada

María Vázquez vestida con traxe típico.

María Vázquez vestida con traxe típico.

* Hoxe acompañamos a Montse Fajardo a visitar a María Victoria Vázquez Aguirre, que foi afillada de María Vázquez Suárez, a mestra de Miño – de familia de Vilaescura – asasinada en 1936. Tamén nos acompañou Pepe “Carrelo”, da súa familia.

Montse Fajardo está a facer un traballo sobre persoas represaliadas polo Franquismo no que incluirá a historia de María Vázquez Suárez.

Poñémosvos neste post unha serie de datos curiosos e fotografías. Para ampliar información, consultade a entrada sobre María neste blogue (aquí), cunha ligazón a un artigo de Juan Sobrino Ceballos, e agardemos tamén ao traballo de Montse Fajardo, a quen damos as grazas por vir e interesarse por unha das nosas mulleres máis senlleiras.

A familia Vázquez-Suárez.

María Víctoria contounos que súa nai, Victoria, moi achegada a María, sentira a súa morte coma a dunha filla. Berrara desesperada porque a asasinaran: “Non o merecía!”. Sempre se laiaba Victoria que fora unha morte inxusta e sempre lembraba a grandísima calidade humana de María Vázquez Suárez, tan amiga dela – ademais de familiar – que se propuxera afillar á criatura que Victoria alumbraría.

María Victoria naceu en 1928, así que lembra pouco a María, pero lembra que a foran ver a Pobra do Caramiñal, onde ela estivera de mestra, e tamén a Miño. Ademais, María viña todos os veráns a Vilaescura, á casa familiar, onde – lembra María Victoria – facía traballos de bordado fermosísimos. Precisamente, lembra María Victoria que lles cosía uniformes para as súas alumnas e que os facía sen “distinción de clase”. A María Victoria tamén lle cosía uns fermosos vestidos nos veráns de Vilaescura.

2014-11-05 18.01.54

Finca e casa da familia Vázquez-Suárez en Vilaescura.

A familia de María non ía a misa en Miño, porque seica non “estaban moi ben co cura”, que despois a denunciou.

O pouco tempo que estivo no cárcere non a puido visitar a familia. Lembra María Victoria que cando a asasinaron, María tiña a menstrución e que o pai, Joaquín, gardara os panos que ela usara. El tiña gardados todos os recordos da súa filla e unha bandeira republicana. María Victoria conserva revistas pedagóxicas do ano 1926 e 1927 que María encuadernara.

2014-11-05 17.36.05 2014-11-05 17.27.50

Do pai de María, Joaquín, que veu a Vilaescura en 1941, lémbranos o “Carrelo” que era “moi de esquerdas”, igual que un sobriño seu, a diferencia dunha irmá e unha sobriña, que eran “moi de dereitas”. A familia era de dereitas e axudou a agochar xente “socialista” durante a guerra. Precisamente, o pai de Carrelo tivo agochado nun ciprés a un mozo “socialista”. A nai de María Victoria tamén agochou a un mozo no faiado.

Naquel tempo da guerra “non se sabía quen ía gañar”. Había un comandante que dicía: “Non vos metades en nada, que non sei eu quen vai gañar”.

En Vilaescura mataron a varias persoas. Os falanxistas viñeron “nun tractor”, estaban “organizados”. Xusto despois do golpe a xente “socialista” requisara armas nas casas. E houbera uns rapaces de 16 anos que roubaran os badais das campás da igrexa. A muller á que pediran a chave, Remedios, non os quixo denunciar: “Podédesme matar, pero eu non digo quen foi”. Dicía que se os denunciaba que os matarían.

Sobre o pai de María, lembra o Pepe que el a animou a ir a mitins porque falaba moi ben. Cando ela foi asasinada, o pai pasouno mal e toda a vida que lle quedou gustou da soidade. Ía todas as tardes a unha pequena casoupa que construíu afastada das casas, a ler o xornal e estar só. Pouco antes de morrer fora un tempo á misa, “por cumplir”, e enterrárono no camposanto en Vilaescura, nunha tumba de terra.

2014-11-05 17.44.39

Retrato de María Vázquez.

María Victoria lembra que foi a Pontedeume e viu a lápida de María, que poñía o seu nome, pero que esta desapareceu despois. “Unha guerra é-che o pior do mundo”, di María Victoria.

Xa cando nos imos cóntanos que dicían que as últimas palabras de María antes de morrer foran: “Viva a República!”

2014-11-05 20.45.37

María Vázquez.