A familia Feijoo Rodríguez de Gundivós, marcada pola persecución do Franquismo (6 vítimas)

A familia Feijoo Rodríguez, de Gundivós, é un triste exemplo de como a persecución do novo réxime se cebou coas persoas “de esquerda” e coas súas familias.

Ademais do terríbel suceso de Amador asasinado en Sober (está por comprobar se Amador é irmán do resto de irmáns que se sinalan aquí), está o caso de José María Feijoo Rodríguez, que estivo fuxido e, por esta causa, apresaron aos seus irmáns e irmás.

– Amador Feijoo Rodríguez, aparecido morto en Sober. Morte rexistrada o 28 de agosto de 1936 en Vilamelle. Ver aquí o testemuño recollido oralmente. Por comprobar se é irmán ou familia dos seguintes.

– José María Feijoo Rodríguez, concelleiro encarcelado. Ver aquí a súa historia.

José María foi detido en setembro de 1941, polo que supoñemos que pode ser unha das persoas fugadas que lembra a xente de Gundivós. De Gundivós, lembran que detiñan, a xeito de reféns, a familiares de escapados para presionalos para que se entregasen. Este foi un mecanismo represivo común na provincia de Lugo, segundo refire Mª Jesús Souto.

De feito, as irmás e irmáns de Amador e José María foron represaliados:

– Celia Feijoo Rodríguez, de 30 anos, labrega. Estivo detida no cárcere de Monforte e na prisión de Lugo entre o 6/3/1940 e 3/4/1940, por auxilio aos fuxidos, sendo posta en liberdade nesta última data.

– Germán Feijoo Rodríguez, de 26 anos, de iguales circunstancias, e polo mesmo tempo e motivos, nos mesmos presidios.

– Manuel Feijoo Rodríguez, de 29 anos, de iguales circunstancias, e polo mesmo tempo e motivos, nos mesmos presidios.

– Ramona Feijoo Rodríguez, de 37 años, de iguales circunstancias, e polo mesmo tempo e motivos, nos mesmos presidios.

Fonte: datos de J. A. Cardelle; testemuños orais; investigacións de Mª Jesús Souto Blanco.

Amador, atopado morto en Sober, cadáver aparecido en Vilamelle

“A unha muller de Gundivós (Dionisia) matáronlle o irmau, Amador, en Sober.
Matárono lonxe de Sober pero, cando o trouxeron, había un arboledo, ó pasar a carretera que vai para Canabal, por debaixo da Farmacia, que había un arboledo. E había unhas pedras grandes.
Fóramos á feira, naide sabía nada, e había xente alí naquel arboledo e vimos á irmá, a Dionisia, – estaba para dar a luz – que choraba.
Chegamos alí e dixo un falangista:
– Que nadie le toque! – estaba a irmá chorando tirada no chan -. El que la levante va a llevar más leña que un mono!
Non lle puderon botar a man ao cadáver nin a ela, que non lle deixaron tocar. Era un falangista de Sober.
Despois, cortáronlle a punta dos dedos ao cadáver. E non o enterraron, levárono. Desapareceu.
Din que pode estar no cemiterio de Vilamelle.
Coma il había moitos.”

De feito, a mesma fonte contou que xunto a este cadáver apareceu tamén o do “Roseto de Proendos”.

Fonte:

– Testemuños orais.

Grazas aos datos de J. A. Cardelle, pódese deducir que esta persoa á que se refire o relato é Amador Feijoo Rodríguez, cuxo cadáver apareceu en Vilamelle o 28 de agosto de 1936. A súa familia foi represaliada. Constátase que, efectivamente, está enterrado en Vilamelle.

O cadáver que aparece xunto co de Amador podería ser Ramón Rodríguez Fernández, atopado o mesmo día e lugar en Vilamelle. Podería ser da Pena de Proendos, da familia do Roseto.

Dedúcese que alí foron parar os cadáveres despois de ser asasinados en Sober. O día 28 é, efectivamente, día de feira en Sober, como sinala o relato.

Persecución e medo: testemuños recollidos na Pena de Gundivós

P1100779O 16 de xullo de 2014 entrevistamos a persoas maiores do lugar da Pena de Gundivós sobre a represión neste lugar do Concello de Sober. Poñemos aquí un resumo de toda a información que recopilamos. As fichas de recollida e a transcrición literal dos testemuños será doada ao proxecto Nomes e Voces. Agradecementos a Rosita da Pena de Gundivós por facilitar o contacto e a xornada de recollida.

SEOANE E A PENA DE GUNDIVÓS: PERSOAS AGOCHADAS E REPRESIÓN FALANXISTA

Na parroquia de Gundivós houbo xente “escapada”; as mulleres dábanlles de comer. Un dos escapados estaba nunha casa con dobre parede.

A Garda Civil e os falanxistas patrullaban os lugares de Gundivós para capturar aos fuxidos. “Estaban día e noite os falanxistas aquí”, todos “viñan de Santa Cruz”.

Dende Seoane víanse “brillar os gorros da Guardia Civil cando viñan en Vilapedre”. Cando viña a Garda Civil os nenos metíanse nunha cociña dunha casa. Un día petou a GC na porta e había “sete ou oito falangistas de Santa Cruz”.

Un dos falanxistas vixiaba o río, para que non cruzasen os fuxidos por alí. O día de Santo Antón, o 17 de xaneiro, colleron a un, pero librou porque a súa muller era de Santa Cruz, “soltárono pola muller”.

A unha nena mandárona meterse no forno para ver se estaba alí un escapado.

Había un rapaz de Seoane escapado. Un día, o rapaz estaba “escondido rente da casa, e a nai do rapaz tiña moito medo”. “Había sete falangistas onde estaba o forno de cocer as olas. E cinco guardiaciviles. E el estaba alí, pero naide o sabía.
E a abuela dise dicía:
– Ai, Virgen Santísima, que se entran eiquí mátannos!”

Un dos escapados foi un día onda unhas mozas que estaban a lavar a roupa nas devesas do cura. Unha delas díxolle ao rapaz que non marchara, que fora comer coa familia, que non comera aínda.

Dixo el:
“- E como vou pasar se está a Guarcia Civil e os falangistas en Seoane?
E díxolle unha:
– Poñémosche o cesto da roupa na cabeza e naide te conoce.
Ai!, pero desde alí conocérono. Tiráronlle un tiro e sacáronlle a suela do zapato.
A ese levárono e fartáronse de mallar e de mallar nel; non morreu alí pero…”

Houbo episodios de violencia política da esquerda, cando saíron ao paso do cura de Santa Cruz, que misaba en Figueiroá, e lle tiraron tiros. Un dos autores era un rapaz das Sobreiras (Gundivós) ao que o cura recoñeceu porque tiña unha mancha na cara. Os outros curas querían que o xulgaran e condenaran a morte, pero “non o mataron”.

Había un matrimonio vello en Seoane. Un domingo veu por alí a partida falanxista. Ela tiña costume de lavar a roupa pola mañá. Era un domingo que non fora á misa, nunha présa pequena no fondo do lugar.
Os falanxistas dixéronlle ao home:
– Onde vai a súa muller?
– Está lavando a roupa – respondeu -.
– Onde está?
– Alí por baixo.
Atravesaron a finca e estaba ela no fondo, lavando. E dixéronlle:
– Veña con nós!
Colleron un mangado de palla do palleiro e esposáronos aos dous no mangado de palla, e alí os deixaron. Pasaron moito medo.

A un que ía cos carros do abono, por non levantar a man ante a Garda Civil, matáronlle ao can dun disparo.

Ademais de atemorizar á poboación, as partidas falanxistas roubaban nas casas.

Houbo xente de Gundivós á que levaron presa a Lugo por non dicir onde estaban familiares fuxidos.

De Gundivós mataron a xente, un deles Amador, atopado morto en Sober xunto cun tal Roseto de Proendos.

De Fondón, mataron a un matrimonio na súa casa; ela estaba “en estado”, ía a dar a luz moi pronto. Chamábanse Jesús e María; matounos a Garda Civil.

P1100776

José María Feijoo Rodríguez, concelleiro encarcelado

José María Feijoo Rodríguez era un labrego afiliado ao PSOE e á UGT que foi concelleiro de elección popular no 31 e da Fronte Popular no 36 e Presidente da Sociedade de Labregos e Oficios Varios de Gundivós, así como vogal do Sindicato de Obreros Mineros de Lugo en 1930.

Xulgado por auxilio á rebelión, foi condenado a prisión temporal.

Foi detido en setembro de 1941, polo que supoñemos que pode ser unha das persoas fugadas que lembra a xente de Gundivós. De Gundivós, lembran que detiñan, a xeito de reféns, a familiares de escapados para presionalos para que se entregasen. De feito, as súas irmás foron represaliadas. Este foi un mecanismo represivo común na provincia de Lugo, segundo refire Mª Jesús Souto.

Fontes: aquí; testemuños orais; María Jesús Souto Blanco; J. A. Cardelle.

J. A. Cardelle dinos que segundo o Libro Registro de Expedientes de Responsabilidades Políticas do Xulgado de Monforte de Lemos, incoóuselle o expediente 1/42 el 2 de novembro de 12942, sendo sobreseído por auto de 10 de outubro de 1943 e elevado á Audiencia o 15 de novembro de 1943 composto de 175 folios.