Unha historia recollida en Santiorxo

11164570_10206634162316414_4502833364477924349_n

Xosé Luis Rivas, “Mini”, impartiu clase no colexo de Sober en 1974.

A pesar de estar só catro meses de mestre, quedou na lembranza do alumnado por introducir, xunto con outro mestre que facía unha substitución, métodos de ensino propios dunha sociedade democrática, fronte aos modelos franquistas: xogar co alumnado no recreo, deixar de rezar, que os nenos e nenas ensinen o seu entorno…

Mini aprendeu palabras propias de Sober (os “bullós”, as “carrolas”…) e, nunha comida polo San Brais en Santiorxo, de dous vellos da parroquia escoitou esta historia.

Seica a un home, nos anos da guerra, os falanxistas o perseguían e, na ponte de Canaval, o home quedou agarrado á beira coas mans, machacándollas os perseguidores coa culata da escopeta.

O home logrou fuxir a Portugal e, anos despois, en Monforte, nun bar, asistiu á partida de cartas que botaban os seus perseguidores de antano. Rematada a partida, puxo as súas mans sobre a mesa preguntándolles se o coñecían, se lembraban. Sen mediar máis palabra, asestoulles un tiro a cada un e escapou.

A dureza das feridas.

Fonte:

– Historia escoitada por Xosé Luis Rivas “Mini” en Santiorxo en 1974.

Máis datos sobre María Vázquez Suárez e sobre os tempos da guerra en Vilaescura: unha xornada de recollida coa súa afillada

María Vázquez vestida con traxe típico.

María Vázquez vestida con traxe típico.

* Hoxe acompañamos a Montse Fajardo a visitar a María Victoria Vázquez Aguirre, que foi afillada de María Vázquez Suárez, a mestra de Miño – de familia de Vilaescura – asasinada en 1936. Tamén nos acompañou Pepe “Carrelo”, da súa familia.

Montse Fajardo está a facer un traballo sobre persoas represaliadas polo Franquismo no que incluirá a historia de María Vázquez Suárez.

Poñémosvos neste post unha serie de datos curiosos e fotografías. Para ampliar información, consultade a entrada sobre María neste blogue (aquí), cunha ligazón a un artigo de Juan Sobrino Ceballos, e agardemos tamén ao traballo de Montse Fajardo, a quen damos as grazas por vir e interesarse por unha das nosas mulleres máis senlleiras.

A familia Vázquez-Suárez.

María Víctoria contounos que súa nai, Victoria, moi achegada a María, sentira a súa morte coma a dunha filla. Berrara desesperada porque a asasinaran: “Non o merecía!”. Sempre se laiaba Victoria que fora unha morte inxusta e sempre lembraba a grandísima calidade humana de María Vázquez Suárez, tan amiga dela – ademais de familiar – que se propuxera afillar á criatura que Victoria alumbraría.

María Victoria naceu en 1928, así que lembra pouco a María, pero lembra que a foran ver a Pobra do Caramiñal, onde ela estivera de mestra, e tamén a Miño. Ademais, María viña todos os veráns a Vilaescura, á casa familiar, onde – lembra María Victoria – facía traballos de bordado fermosísimos. Precisamente, lembra María Victoria que lles cosía uniformes para as súas alumnas e que os facía sen “distinción de clase”. A María Victoria tamén lle cosía uns fermosos vestidos nos veráns de Vilaescura.

2014-11-05 18.01.54

Finca e casa da familia Vázquez-Suárez en Vilaescura.

A familia de María non ía a misa en Miño, porque seica non “estaban moi ben co cura”, que despois a denunciou.

O pouco tempo que estivo no cárcere non a puido visitar a familia. Lembra María Victoria que cando a asasinaron, María tiña a menstrución e que o pai, Joaquín, gardara os panos que ela usara. El tiña gardados todos os recordos da súa filla e unha bandeira republicana. María Victoria conserva revistas pedagóxicas do ano 1926 e 1927 que María encuadernara.

2014-11-05 17.36.05 2014-11-05 17.27.50

Do pai de María, Joaquín, que veu a Vilaescura en 1941, lémbranos o “Carrelo” que era “moi de esquerdas”, igual que un sobriño seu, a diferencia dunha irmá e unha sobriña, que eran “moi de dereitas”. A familia era de dereitas e axudou a agochar xente “socialista” durante a guerra. Precisamente, o pai de Carrelo tivo agochado nun ciprés a un mozo “socialista”. A nai de María Victoria tamén agochou a un mozo no faiado.

Naquel tempo da guerra “non se sabía quen ía gañar”. Había un comandante que dicía: “Non vos metades en nada, que non sei eu quen vai gañar”.

En Vilaescura mataron a varias persoas. Os falanxistas viñeron “nun tractor”, estaban “organizados”. Xusto despois do golpe a xente “socialista” requisara armas nas casas. E houbera uns rapaces de 16 anos que roubaran os badais das campás da igrexa. A muller á que pediran a chave, Remedios, non os quixo denunciar: “Podédesme matar, pero eu non digo quen foi”. Dicía que se os denunciaba que os matarían.

Sobre o pai de María, lembra o Pepe que el a animou a ir a mitins porque falaba moi ben. Cando ela foi asasinada, o pai pasouno mal e toda a vida que lle quedou gustou da soidade. Ía todas as tardes a unha pequena casoupa que construíu afastada das casas, a ler o xornal e estar só. Pouco antes de morrer fora un tempo á misa, “por cumplir”, e enterrárono no camposanto en Vilaescura, nunha tumba de terra.

2014-11-05 17.44.39

Retrato de María Vázquez.

María Victoria lembra que foi a Pontedeume e viu a lápida de María, que poñía o seu nome, pero que esta desapareceu despois. “Unha guerra é-che o pior do mundo”, di María Victoria.

Xa cando nos imos cóntanos que dicían que as últimas palabras de María antes de morrer foran: “Viva a República!”

2014-11-05 20.45.37

María Vázquez.

Amador, atopado morto en Sober, cadáver aparecido en Vilamelle

“A unha muller de Gundivós (Dionisia) matáronlle o irmau, Amador, en Sober.
Matárono lonxe de Sober pero, cando o trouxeron, había un arboledo, ó pasar a carretera que vai para Canabal, por debaixo da Farmacia, que había un arboledo. E había unhas pedras grandes.
Fóramos á feira, naide sabía nada, e había xente alí naquel arboledo e vimos á irmá, a Dionisia, – estaba para dar a luz – que choraba.
Chegamos alí e dixo un falangista:
– Que nadie le toque! – estaba a irmá chorando tirada no chan -. El que la levante va a llevar más leña que un mono!
Non lle puderon botar a man ao cadáver nin a ela, que non lle deixaron tocar. Era un falangista de Sober.
Despois, cortáronlle a punta dos dedos ao cadáver. E non o enterraron, levárono. Desapareceu.
Din que pode estar no cemiterio de Vilamelle.
Coma il había moitos.”

De feito, a mesma fonte contou que xunto a este cadáver apareceu tamén o do “Roseto de Proendos”.

Fonte:

– Testemuños orais.

Grazas aos datos de J. A. Cardelle, pódese deducir que esta persoa á que se refire o relato é Amador Feijoo Rodríguez, cuxo cadáver apareceu en Vilamelle o 28 de agosto de 1936. A súa familia foi represaliada. Constátase que, efectivamente, está enterrado en Vilamelle.

O cadáver que aparece xunto co de Amador podería ser Ramón Rodríguez Fernández, atopado o mesmo día e lugar en Vilamelle. Podería ser da Pena de Proendos, da familia do Roseto.

Dedúcese que alí foron parar os cadáveres despois de ser asasinados en Sober. O día 28 é, efectivamente, día de feira en Sober, como sinala o relato.

Persecución e medo: testemuños recollidos na Pena de Gundivós

P1100779O 16 de xullo de 2014 entrevistamos a persoas maiores do lugar da Pena de Gundivós sobre a represión neste lugar do Concello de Sober. Poñemos aquí un resumo de toda a información que recopilamos. As fichas de recollida e a transcrición literal dos testemuños será doada ao proxecto Nomes e Voces. Agradecementos a Rosita da Pena de Gundivós por facilitar o contacto e a xornada de recollida.

SEOANE E A PENA DE GUNDIVÓS: PERSOAS AGOCHADAS E REPRESIÓN FALANXISTA

Na parroquia de Gundivós houbo xente “escapada”; as mulleres dábanlles de comer. Un dos escapados estaba nunha casa con dobre parede.

A Garda Civil e os falanxistas patrullaban os lugares de Gundivós para capturar aos fuxidos. “Estaban día e noite os falanxistas aquí”, todos “viñan de Santa Cruz”.

Dende Seoane víanse “brillar os gorros da Guardia Civil cando viñan en Vilapedre”. Cando viña a Garda Civil os nenos metíanse nunha cociña dunha casa. Un día petou a GC na porta e había “sete ou oito falangistas de Santa Cruz”.

Un dos falanxistas vixiaba o río, para que non cruzasen os fuxidos por alí. O día de Santo Antón, o 17 de xaneiro, colleron a un, pero librou porque a súa muller era de Santa Cruz, “soltárono pola muller”.

A unha nena mandárona meterse no forno para ver se estaba alí un escapado.

Había un rapaz de Seoane escapado. Un día, o rapaz estaba “escondido rente da casa, e a nai do rapaz tiña moito medo”. “Había sete falangistas onde estaba o forno de cocer as olas. E cinco guardiaciviles. E el estaba alí, pero naide o sabía.
E a abuela dise dicía:
– Ai, Virgen Santísima, que se entran eiquí mátannos!”

Un dos escapados foi un día onda unhas mozas que estaban a lavar a roupa nas devesas do cura. Unha delas díxolle ao rapaz que non marchara, que fora comer coa familia, que non comera aínda.

Dixo el:
“- E como vou pasar se está a Guarcia Civil e os falangistas en Seoane?
E díxolle unha:
– Poñémosche o cesto da roupa na cabeza e naide te conoce.
Ai!, pero desde alí conocérono. Tiráronlle un tiro e sacáronlle a suela do zapato.
A ese levárono e fartáronse de mallar e de mallar nel; non morreu alí pero…”

Houbo episodios de violencia política da esquerda, cando saíron ao paso do cura de Santa Cruz, que misaba en Figueiroá, e lle tiraron tiros. Un dos autores era un rapaz das Sobreiras (Gundivós) ao que o cura recoñeceu porque tiña unha mancha na cara. Os outros curas querían que o xulgaran e condenaran a morte, pero “non o mataron”.

Había un matrimonio vello en Seoane. Un domingo veu por alí a partida falanxista. Ela tiña costume de lavar a roupa pola mañá. Era un domingo que non fora á misa, nunha présa pequena no fondo do lugar.
Os falanxistas dixéronlle ao home:
– Onde vai a súa muller?
– Está lavando a roupa – respondeu -.
– Onde está?
– Alí por baixo.
Atravesaron a finca e estaba ela no fondo, lavando. E dixéronlle:
– Veña con nós!
Colleron un mangado de palla do palleiro e esposáronos aos dous no mangado de palla, e alí os deixaron. Pasaron moito medo.

A un que ía cos carros do abono, por non levantar a man ante a Garda Civil, matáronlle ao can dun disparo.

Ademais de atemorizar á poboación, as partidas falanxistas roubaban nas casas.

Houbo xente de Gundivós á que levaron presa a Lugo por non dicir onde estaban familiares fuxidos.

De Gundivós mataron a xente, un deles Amador, atopado morto en Sober xunto cun tal Roseto de Proendos.

De Fondón, mataron a un matrimonio na súa casa; ela estaba “en estado”, ía a dar a luz moi pronto. Chamábanse Jesús e María; matounos a Garda Civil.

P1100776

A represión sobre as mulleres

14

En Sober, constan tres mulleres procesadas por rebelión militar e auxilio á rebelión, dúas delas labregas de Doade – núcleo de activismo agrario e político nos anos 30 -.

Ademais, a represión contra as mulleres exerceuse de distintas maneiras, torturándoas para que delataran a familiares fuxidos, violándoas, roubándolles a comida da casa…

Das torturas escarnios efectuados contra mulleres, referidas por varias testemuñas orais, destaca o rapado da cabeza e as “purgas” con aceite de ricino. O feito de rapar ou “pelar” ás mulleres é unha acción represiva específica de xénero, coa intención de deixar “marcadas” ás mulleres que foran “rojas”.

Contan que na Pena de Proendos raparon a todas as mulleres, para que delatasen a familiares fuxidos.

Outras testemuñas din que a algunhas persoas, entre elas polo menos unha muller, lles fixeron “beber gasolina con augarrás”, provocándolles lentamente a morte.

A muller do “Luciano de Ferrón” foi torturada e/ou violada polos “fascistas” na súa casa de Viloriz porque o seu marido conseguira escapar á ribeira.

A un matrimonio de Seoane, Gundivós, esposáronos a un fachón de palla.

En Fondón (Gundivós) mataron a unha muller preñada xunto co seu home, na súa casa.

Antonio Pérez García “Rei”, alcalde en 1936

foto alcaldeAntonio Pérez García foi alcalde republicano de Sober coa corporación municipal de 1936.

Natural de Canaval, realizou estudos musicais no Conservatorio Nacional de Madrid, onde aprobou a carreira de piano en só dous exames, obtendo Premio Especial. Dirixiu varias bandas e orquestras das provincias de Ourense e Lugo, entre elas a Banda de Música de Sober nos anos 30, unificada por esas datas (antes había unha en Canabal e outra Sober).

Foi xulgado en 1936, con 35 anos, e declarado en rebeldía, pois conseguiu fuxir e exiliarse a Cuba. Contan testemuños orais que o fixo disfrazado de cura.

Figura como de profesión “labrego”, pero tamén posuía a fábrica de cerámica de Canabal e era músico. Era do Partido Republicano Gallego. Tamén era Presidente do Comité Republicano-Agrario de Canabal.

En Cuba é coñecido como Antonio Rodríguez Álvarez e alí chegou a ser un destacado pianista e compositor, estando algunha das súas obras entre as máis radiadas do país. Na illa caribeña dirixiu a orquestra Lemos e axiña acadou gran popularidade como compositor, recibindo o 16 de xullo de 1938 unha homenaxe por parte da sociedade El Valle de Lemos nos salóns da Agrupación Artística Gallega.
“O Rei” de Canaval publicou máis de trinta obras para canto e piano, como Brisas de Andalucía ou Hermoso Cielo Cubano, das máis interpretadas e radiadas na Cuba dos anos trinta. En 1939 publicou o cancioneiro Ecos españoles.

A foto do inicio está tirada da revista Cultura Gallega, editada na Habana, no número de xuño de 1938, onde se refire unha homenaxe a Antonio Rodríguez Álvarez.

Na foto seguinte, da Banda de Sober, está Antonio “o Rei” no centro, de negro.

7A foto é probabelmente dun certame de bandas en Ourense, do que se dá conta no seguinte recorte de prensa, do 8 de xuño de 1936.

banda de soberA foto seguinte é unha partitura dunha composición de Antonio “o Rei”, cortesía de Ramón Pinheiro. E así soa, grazas ao proxecto “Descarga ao Vivo”: aquí.

12a

José Benito Mantilla González, paseado

Un dos asasinatos que máis impactou na memoria das xentes de Sober foi o de José Benito Mantilla González, de Rosende, un dos concelleiros da corporación municipal de 1936 (concelleiro de elección gubernativa Frente Popular – Izquierda Republicana).

A súa morte está perfectamente documentada. Foi rexistrada o 11 de setembro de 1936 (ver), con 63 anos.

“Xulgado e declarado en rebeldía. Rexistrado morto en Monforte de Lemos a causa de parálise bulbar. Lugar de aparición do cadáver: km. 4 da estrada de Escairón. Apareceu ás primeiras horas da mañá.” [Nomes e Voces].

A memoria oral conta que antes de asasinalo lle arincaron todas as unllas das mans, feito que non está corroborado.

Un asasinado na ribeira de Bolmente

P1010316

Un tal Santiago de Rosende, ao que “perseguían os fascistas” tiña un refuxio nas Pesqueiras, cerca da Cividade (na ribeira de Bolmente).

Cerca noite, de madrugada, foron “os fascistas” a petarlle á porta ao Luciano de Ferrón, que vivía en Viloriz. Este logrou escapar por un sitio da casa e correu agocharse ao refuxio das Pesqueiras, pero “os fascistas pegaron coa muller”.

O Luciano foi durmir ao refuxio das Pesqueiras. Alí non atopou esa noite ao Santiago de Rosende, e non puido avisalo de que as “partidas” andaban por Bolmente. Antes do amencer, colleu algo de abrigo e saiu cara a casa, pero polo camiño viñan os fascistas, así que se tivo que agochar nun silveiro. Nestas, fíxose de día e os paxaros comezaron a piar ao seu carón, tendo o Luciano que mandarlle pedras para espantalos e que a partida non o localizase.

Os “fascistas” marcharon ao non atopalo e, cando viñan da ribeira, atoparon ao Santiago de Rosende que ía cara as Pesqueiras. Disparáronlle nunha perna e el escapou ferido como puido pero, o xefe da partida, atopouno e rematouno, cravándolle tamén un coitelo na gorxa.

A partida trouxo ao Santiago morto nunha escada de madeira ao adro da igrexa de Bolmente para que o vise o pobo.

Ao Santiago enterrárono fóra do camposanto, á esqueda do pórtico da igrexa de Bolmente.

P1090098

Dicían logo que a muller do Santiago cravara o coitelo na porta da casa do cura.

MAPA cos lugares do relato: aquí.

* Recollido en 2008 dun informante de Bolmente nado en 1927. Testemuña directa.

Esta historia do agocho das Pesqueiras tamén a coñece un informante de Vilaescura.