A familia Feijoo Rodríguez de Gundivós, marcada pola persecución do Franquismo (6 vítimas)

A familia Feijoo Rodríguez, de Gundivós, é un triste exemplo de como a persecución do novo réxime se cebou coas persoas “de esquerda” e coas súas familias.

Ademais do terríbel suceso de Amador asasinado en Sober (está por comprobar se Amador é irmán do resto de irmáns que se sinalan aquí), está o caso de José María Feijoo Rodríguez, que estivo fuxido e, por esta causa, apresaron aos seus irmáns e irmás.

– Amador Feijoo Rodríguez, aparecido morto en Sober. Morte rexistrada o 28 de agosto de 1936 en Vilamelle. Ver aquí o testemuño recollido oralmente. Por comprobar se é irmán ou familia dos seguintes.

– José María Feijoo Rodríguez, concelleiro encarcelado. Ver aquí a súa historia.

José María foi detido en setembro de 1941, polo que supoñemos que pode ser unha das persoas fugadas que lembra a xente de Gundivós. De Gundivós, lembran que detiñan, a xeito de reféns, a familiares de escapados para presionalos para que se entregasen. Este foi un mecanismo represivo común na provincia de Lugo, segundo refire Mª Jesús Souto.

De feito, as irmás e irmáns de Amador e José María foron represaliados:

– Celia Feijoo Rodríguez, de 30 anos, labrega. Estivo detida no cárcere de Monforte e na prisión de Lugo entre o 6/3/1940 e 3/4/1940, por auxilio aos fuxidos, sendo posta en liberdade nesta última data.

– Germán Feijoo Rodríguez, de 26 anos, de iguales circunstancias, e polo mesmo tempo e motivos, nos mesmos presidios.

– Manuel Feijoo Rodríguez, de 29 anos, de iguales circunstancias, e polo mesmo tempo e motivos, nos mesmos presidios.

– Ramona Feijoo Rodríguez, de 37 años, de iguales circunstancias, e polo mesmo tempo e motivos, nos mesmos presidios.

Fonte: datos de J. A. Cardelle; testemuños orais; investigacións de Mª Jesús Souto Blanco.

Crónica do acto de homenaxe ás vítimas do Franquismo en Sober

P1110968“Na defensa do dereito á vida digna e á democracia, a Corporación Municipal do Concello de Sober fai memoria destes feitos e recoñecemento das vítimas do Franquismo para contribuír a que as xeracións actuais e futuras vivamos nunha sociedade xusta.”

Así comezaba a declaración institucional pronunciada polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, na homenaxe ás vítimas do Franquismo realizada o sábado 25 de outubro en Sober, en cumplimento dun acordo plenario de 2013 que, a proposta de Paula Vázquez Verao, concelleira nacionalista non adscrita, decidiu rendir homenaxe e recoñecemento público ás vítimas soberninas do réxime franquista.

Ás 12 da mañá daba comezo en Sober o acto público en memoria das vítimas do Franquismo, cunha sesión simbólica do pleno na que todos os grupos políticos resaltaron o feito de estar realizando un exercicio de “xustiza”, un “recoñecerse a democracia na democracia”. Precisamente, a declaración institucional do Concello de Sober resalta que “a Corporación Municipal de Sober se recoñece na lexitimidade democrática das eleccións de 1936”. O recoñecemento aos representantes públicos represaliados foi recorrente, cunha lembranza especial a Daniel Álvarez Carnero, tenente de alcalde e alcalde gubernativo en 1936, executado en Lugo tras Consello de Guerra, cuxa familia estivo presente na homenaxe.

P1110982Posteriormente, iniciouse unha mesa redonda de análise sobre a represión na Galiza post-Alzamento, coa presenza de Carlos Méixome Quinteiro e Xurxo M. Ayán Vila, que reivindicaron a necesidade colectiva de memoria e explicaron, respectivamente, a natureza da “persecución” que o réxime do 1936 perpetrou en Galiza e a “paisaxe presente do Franquismo”, un estado “totalitario que concibe o territorio como “espazo de colonización” e ás persoas e comunidades como “súbditos” ao servizo da plutocracia.

P1110958

Como peche do acto, a música tivo presenza co grupo “Os Parentes” e coa interpretación por parte dunha sección da Banda de Música de Sober do Himno de Riego, A Marsellesa e o Hino Galego, que puxo ás persoas asistentes en pé.
Carmen García-Rodeja, da ARMH, agradeceu á corporación este exercicio de memoria e lembrou aos alcaldes represaliados da provincia de Lugo. Estivo acompañada do neto do alcalde asasinado de San Tirso de Abres, para reivindicar a necesidade de lembrar ás familias das vítimas e axudarlles na súa búsqueda de verdade e xustiza.
A poesía veu da man de Xosé Lois García, que leu o poema “Vitimario de Sober 1936-1940”, e Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, que leron sendos poemas, – un deles adicado a María Vázquez Suárez, mestra de Miño asasinada en 1936, cuxa familia era natural de Sober – e trasladaron o apoio da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, resaltando a necesidade dunha cultura de paz.

A xornada rematou cun xantar de confraternidade ao que asistiu a corporación municipal, as persoas intervintes no acto e familiares de vítimas, así como veciñanza de Sober e contorna.

A declaración institucional, que se pode consultar aquí, remata coas seguintes disposicións:

1. O Concello de Sober recoñece a dor e sufrimento de todas as vítimas da represión, nas súas diferentes modalidades, e restitúe a súa memoria publicamente.
2. A Corporación Municipal de Sober recoñécese na lexitimidade democrática da Corporación Municipal saída das eleccións de febreiro de 1936.
3. O Concello de Sober fai un recoñecemento explícito á Corporación Municipal de 1936 e condena que os seus membros fosen afastados das súas funcións polo golpe militar de xullo de 1936 e que fosen asasinados e represaliados de distintas maneiras pola súa ideoloxía e actividade política.

Grazas: agradecemento pola participación no acto de homenaxe

homenaxe

Emotivísima homenaxe ás vítimas do Franquismo en Sober.

Grazas: a todas as persoas asistentes; a familiares de vítimas que viron recoñecido, por primeira vez, que o que fixeron contra elas fora unha inxustiza; a toda a corporación municipal de Sober por apoiar a proposta; a Xurxo Ayan Vila e Carlos Méixome Quinteiro polas leccións maxistrais sobre o que significou o “trauma” e a “persecución” perpetrada polo novo réxime; ás músicas e músicos que colaboraron en facer da música “unha terapia”; a Carme Blanco, Claudio Rodríguez Fer e Xosé Lois García pola poesía; a Carmen García Rodeja pola memoria.
Como dixo Xurxo Ayán, a memoria antifascista é humanista, é de todas as persoas de ben.

* Poremos crónica do acto e resumo das intervencións da mesa redonda.

Sober en recordo das vítimas do Franquismo

Declaración en recoñecemento das vítimas lida na homenaxe do 25 de outubro de 2014.

Sober 1.933

Á altura dos anos 30 do século XX, a maioría das xentes de Sober eran labregas; tamén había operarios do tren e outros que soportaban duras condicións de traballo por levar un xornal á casa. Pero os homes e as mulleres de Sober dos anos 30 (os nosos avós, as nosas bisavoas…) loitaron por defender os seus dereitos: desde a proclamación da II República en 1931, Sober é un núcleo de gran actividade sindicalista agraria e obreira.

En febreiro de 1.936 gañou as eleccións en Sober a Fronte Popular, entrando a formar parte da corporación municipal xentes humildes, fundamentalmente labradores e xornaleiros. Foi alcalde Antonio Pérez García, coñecido como “Rei”, do Partido Republicano Gallego.

En xullo de 1936 un sector do exército alzouse contra o goberno lexítimo do Estado. En Galicia, os militares saen ás rúas o día 20 de xullo, caendo o país en mans dos rebeldes o día 27. Non houbo aquí fronte de guerra, senón unha feroz represión.

Tras o anuncio do golpe o día 18, demócratas de todo tipo organízanse en partidas armadas para defender a legalidade republicana, acudindo de todos os lugares ás capitais de provincia.

De Monforte sae o día 19 de xullo unha partida de 200 homes armados (entre eles xente de Sober) que se dirixe a Lugo, sendo detidos ao regreso pola Garda Civil. Tomada polos militares a capital da provincia o día 20, a Garda Civil e os falanxistas toman toda a comarca de Lemos durante a semana seguinte.

En Sober, unha vez controlada a situación polos rebeldes, iniciouse unha espiral de violencia: asasinatos, encarcelamentos, roubos e torturas.
No noso concello, a represión foi esaxeradamente dura. As vítimas mortais foron unha vintena de persoas e ducias as vítimas da represión e do encarceramento, contando o noso municipio cunha das taxas de persoas apresadas sobre o total da poboación máis elevadas de Galicia: 356 rexistros de Sober nas cadeas de Monforte e Lugo por causas políticas entre 1936 e 1940.

Naquel tempo as xentes de Sober contemplaron a peor cara da condición humana, pero tamén a mellor, pois houbo xente, incluidas persoas de dereitas simpatizantes do novo réxime, que esconderon e axudaron a escapar a perseguidos, arriscando a súa propia vida.
A maioría da poboación de Sober percibía e percibe que a represión do réxime Franquista foi unha barbarie.

Na defensa do dereito á vida digna e á democracia, a Corporación Municipal do Concello de Sober fai memoria destes feitos e recoñecemento das vítimas do Franquismo para contribuír a que as xeracións actuais e futuras vivamos nunha sociedade xusta.

A memoria non quere a revancha. A memoria quere o coñecemento para, dende a verdade, contribuír a un mundo de homes e mulleres libres sen medos e sen mentiras; un mundo que devolva a dignidade a quen lle foi roubada. Non se trata de ir contra ninguén, senon a favor das que sufriron, dos que tiveron que gardar para sí a anguria e a humillación durante demasiados anos.

É por isto que, o Pleno da Corporación Municipal do Concello de Sober, na súa sesión ordinaria do 26 de setembro de 2013 acordou celebrar este acto de homenaxe ás vítimas do Franquismo e facer un recoñecemento a elas, así que a Xunta de Voceiros local, en cumplimento de dito acordo plenario, acorda, por unanimidade, a seguinte declaración institucional:

1. O Concello de Sober recoñece a dor e sufrimento de todas as vítimas da represión, nas súas diferentes modalidades, e restitúe a súa memoria publicamente.

2. A Corporación Municipal de Sober recoñécese na lexitimidade democrática da Corporación Municipal saída das eleccións de febreiro de 1936.

3. O Concello de Sober fai un recoñecemento explícito á Corporación Municipal de 1936 e condena que os seus membros fosen afastados das súas funcións polo golpe militar de xullo de 1936 e que fosen asasinados e represaliados de distintas maneiras pola súa ideoloxía e actividade política.

En Sober, a 25 de outubro de 2014.

Ramón Rodríguez Fernández, cadáver aparecido en Vilamelle

Rapaz de 18 anos rexistrado morto a causa de hemorraxia en Vilamelle o 28 de agosto de 1936.

Fonte: Nomes e Voces.

J. A. Cardelle chama a tención de que esta aparición coincide coa de Amador Feijoo, atopado morto no mesmo día e lugar.

O relato que nos transmitiu unha persoa maior de Gundivós sinala que os dous cadáveres foron atopados en Sober, e que de alí os levaron os falanxistas.

Ver o relato oral aquí.

Severino Rodríguez Soto, morto en Láncara pola Garda Civil

Zapateiro de 23 anos, natural de Doade,  é unha das persoas que participou na expedición armada que saíu para Lugo para defender a capital dos golpistas o 19 de xullo de 1936.

Foi morto por disparo da Garda Civil cando regresaba co resto de expedicionarios de Lugo, o 20 de xullo, logo de ser declarado o Estado de Guerra na Provincia. A morte produciuse ao pasar polo cuartel da Pobra de San Xillao, Láncara, onde a Garda Civil interceptou a expedición.

A súa defunción foi inscrita no Rexistro Civil de Sarria, con data de 21 de agosto de 1936, un mes despois de sucedida (20 de xullo de 1936).

Está enterrado no cemiterio de Sarria.

– Fontes:

– Información de J. A. Cardelle.

Memoria histórica Lugo.