Sober, a 80 anos do golpe: aínda sen relato

$2240-0002-0001_jos___alvarez_1

Daniel Álvarez Carnero, alcalde executado

Texto: Paula Vázquez Verao

Sober foi un dos concellos nos que , tendo maioría absoluta o PP,  acordou por unanimidade – e así o fixo – celebrar unha homenaxe ás vítimas do Franquismo do municipio e condenar o réxime Franquista,  logro que nos enche de orgullo, pois partiu dun traballo e insistencia de anos.

Malia todo, o discurso sobre aquel tempo está fóra do debate e a súa memoria exiliada do espazo público: nin unha simple placa que lembre as vítimas, nin mención en páxinas locais oficiais, nin un retrato dos alcaldes republicanos de Sober, ningún nome, ningunha voz…

O que sucedeu en Sober dende aquel verán de 1936 non difire das dinámicas xerais do resto de Galicia: a desarticulación total do tecido asociativo e político republicano, coa eliminación ou exilio de dirixentes sociopolíticos, a desaparición das organizacións de
clase, a sumisión das mulleres… Obxetivos conseguidos mediante a imposición
consciente do terror, a través de distintos mecanismos represivos, cuxos efectos persisten na actualidade.

Caracterízase Sober por certas peculiaridades, por ser un foco de amplo movemento campesiño – aínda non se tiñan redimido os foros – e obreiro, de voto esquerdista, que foi obxecto dunha das máis feroces operacións de represión da provincia de Lugo.

ANOS 30: FERVEDOIRO POLÍTICO E DE LOITA SOCIAL

Foi un fito fundamental que marca a evolución histórica da comarca a chegada do
ferrocarril en 1883, convertíndose a cidade de Monforte en nudo central das comunicacións ferroviarias entre Galicia e o resto da península. Nos anos 30, a construción da vía Zamora –  A Coruña congrega en Canaval operarios ferroviarios, sendo este un núcleo socialista (UGT), tamén entre os operarios da cerámica, ademais de ser esta estación punto de descarga do mineral de Freixo. Como en todo o sur de Lugo exténdese o socialismo, na súas vertentes sindical e político institucional.

A conxunción da toma de conciencia social entre  xornaleiros no campo e operarios do ferrocarril, así como entre os mineros de Freixo, nun territorio dominado pola oligarquía tradicional, donde funciona o sistema caciquil, convirte a zona de Lemos nun espazo de especial conflictividade nos anos 30.

Neste tempo, a actividade política é frenética, con mítins masivos e gran mobilización popular cando a proclamación da República, documentándose episodios de violencia política, como un suceso violento por discusión política en 1931 na parroquia de Lobios, ou importantes mobilizacións campesiñas, como a protesta documentada en Sober por La Voz de Galicia, no diario do 1 de xuño de 1933: “se congregaron frente a la Casa Consistorial del referido Ayuntamiento (Sober), cerca de tres mil campesinos … para protestar del aumento del presupuesto en más de cincuenta mil pesetas”.

Tivo tamén gran  incidencia a revolución de 1934 no val de Lemos e San Clodio: con folga xeral, corte de comunicacións ferroviarias e actos de saqueo e enfrontamentos coas forzas da orde. En Vilachá, Doade, foron inutilizados postes da luz con dinamita, o que provocou a caída do suministro eléctrico en Monforte (vid: Souto Blanco). De Sober, foron 34 as persoas detidas con motivo dos sucesos revolucionarios (vid: Souto Blanco).

Podemos observar, ademais, o rastro dunha crecente politización das mulleres, cuxa participación política e asociativa aumenta durante os anos da IIª República, debido ao proceso de cambio social vivido coa industrialización e polos cambios legais sancionados pola Constitución de 1931. Así, nas fotografías e prensa da época detéctase a activa participación feminina nas multitudinarias manifestacións do 1º de maio de 1936 en Monforte – cunha pancarta de Sober  –  ou na homenaxe que o 8 de xaneiro de 1933 recibe o mestre de Sober e integrante da UGT,  Juan Antonio Fernández del Campo. O diario destaca “su acendrado republicanismo” e “sus gestiones en pro del progreso del pueblo de Sober”, indicando que se lle tributará homeaxe da “conjunción republicano-socialista del distrito de Sober.”

A seguinte foto, da familia Fernández-Rivero, inmortaliza o citado acto de homenaxe.

Sober 1.933

Foto da pancarta de Sober na manifestación do 1º de maio do 1936 en Monforte.

1º maio 1936 Monforte

UNS FATAIS DÍAS DE XULLO: RESISTENCIA AO GOLPE MILITAR E REPRESIÓN INMEDIATA

Cando se coñece a nova do golpe de Estado na provincia, o 19 de xullo, unha partida de
homes armados, procedentes de Sober e Monforte, xunto con outros do resto da provincia, diríxense a Lugo para defender a legalidade, pero, ante o triunfo dos sublevados na capital, – o Estado de Guerra na provincia declárase o 20 de xullo ás 15 horas – regresan, sendo interceptados na Pobra de San Xiao, sufrindo algunha baixa e ingresando o resto no cárcere provincial.

O propio día 20 de xullo, a Garda Civil toma Monforte e inícianse as detencións de xente de “esquerdas”. A seguir, os ferroviarios declaran folga xeral, namentras unha partida de Garda Civil, xunto con voluntarios e falanxistas, inician as operacións de control sobre os arredores de Monforte, rexistrándose en Sober resistencia armada no centro obreiro. As operacións de “limpieza en el extrarradio” (vid: Souto Blanco) finalizan o 23 de xullo.

BALANCE DA REPRESIÓN EN SOBER

Así, a represión franquista de primeira hora está marcada polo feito de ter sido Sober e a comarca unha zona de resistencia ao “Alzamiento”, o que motivou maior dureza represiva que noutras zonas da provincia, sendo os tres primeiros meses tras o golpe militar os máis duros da represión. En Sober, son executadas oficialmente cinco persoas – entre elas o último alcalde republicano de Sober – e rexístranse outras mortes extraxudiciais.

Hai que destacar a importante presenza de Falange na zona, cun núcleo en Monforte de medio cento de afiliados antes da guerra, producíndose detencións de falanxistas dende 1935 (vid: Souto Blanco). Así, tras o golpe militar, destaca esta zona pola actuación impune e arbitraria de Falange, o que provocou unha dureza e arbitrariedade represiva maior que noutros luagres nos primeiros tempos. A memoria oral garda o terror e dureza destas actuacións fóra da “legalidade” que impuña, ilegalmente, o Franquismo.

Podemos observar como a represión carcelaria das xentes de Sober é das máis altas da provincia, con 253 entradas no cárcere entre 1936 e 1940 (vid: Souto Blanco). En xeral, o Partido Xudicial de Monforte aporta o 25,5% de ingresos políticos no cárcere, cando, segundo o censo de 1930, só conta co 10,77% da poboación provincial.

Destaca tamén a importancia de persoas labregas represaliadas en Sober, destacando o caso de nove mulleres, así como – igual que no resto do sur lucense – a represión do ano 1939 e seguintes, relacionada cos “fuxidos”, con entradas colectivas de mulleres no cárcere.

A represión excede a brutal maquinaria sanguinaria que sega vidas: están as sancións económicas, as rapas colectivas de mulleres – a memoria oral documéntaas na Pena de Proendos -, o que supón moral e economicamente ter familiares presos ou presas, o posible aumento da violencia sexual, o exilio e o propio terror imposto, que sepultou por décadas unha cultura política minimamente democrática.

PARA SABER MÁIS: BIBLIOGRAFÍA E RECURSOS

– DÍAZ RODRÍGUEZ, XOÁN CARLOS 2012: Monforte de Lemos a finais do XIX: un achegamento á estrutura socioprofesional e ás clases sociais. En: Murguía. Revista Galega de Historia nº 25. IGALHIS. Santiago de Compostela.

– FERNÁNDEZ PRIETO, LOURENZO et ALII 2008: La mujer en el vórtice del terror: Golpe de Esado, represión y género (Galicia 1936-1939). Texto conferencia. Proxecto
interuniversitario Nomes e Voces: http://www.nomesevoces.net/web/media/documento/texto_conferencia_perpignan.pdf

– LÓPEZ GONZÁLEZ, ROSA MARÍA 2010: Juan Tizón Herreros. El pensamiento
hecho palabra. Fundación Luís Tilve. Lugo.

– LÓPEZ QUIROGA, GERMÁN (ed.) 2007: Historia de un paseo. Autoedición. Santiago de Compostela.

– MÍGUEZ MACHO, ANTONIO 2009: Xenocidio e represión franquista en Galicia. Lóstrego. Santiago de Compostela.

– O TRÍCOLE, GRUPO (2009): Un pouquiño de Tradición Oral do Concello de Sober (II). Imprenta Fénix. Monforte.

– PATIÑO REGUEIRA, ANTÓN 2005: Memoria de Ferro. A Nosa Terra. Mos.

– PRADA RODRÍGUEZ, Julio (ed.) 2013: Franquismo y represión de género en Galicia. Catarata. Madrid.

– SOBRINO CEBALLOS, JUAN y DOMÍNGUEZ FERRO, MANUEL 2011: “Que
pouco vale unha mestra! Un achegamento á figura de María Vázquez Suárez. En Cátedra.
Revista eumesa de estudios nº 18: 209 – 228.

– SOUTO BLANCO, MARÍA JESÚS 1998: La represión franquista en la provincia de
Lugo (1936 – 1940). Ediciós do Castro. Sada.

– Proxecto interuniversitario Nomes e Voces: http://www.nomesevoces.net/

– Souto Blanco, María Jesús: A represión franquista e as súas zonas de penumbra. Vítimas confirmadas e posibles en Lugo (1936-1940): http://www.lugo.es/cs/represion/index.jsp

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s