Sober en recordo das vítimas do Franquismo

Declaración en recoñecemento das vítimas lida na homenaxe do 25 de outubro de 2014.

Sober 1.933

Á altura dos anos 30 do século XX, a maioría das xentes de Sober eran labregas; tamén había operarios do tren e outros que soportaban duras condicións de traballo por levar un xornal á casa. Pero os homes e as mulleres de Sober dos anos 30 (os nosos avós, as nosas bisavoas…) loitaron por defender os seus dereitos: desde a proclamación da II República en 1931, Sober é un núcleo de gran actividade sindicalista agraria e obreira.

En febreiro de 1.936 gañou as eleccións en Sober a Fronte Popular, entrando a formar parte da corporación municipal xentes humildes, fundamentalmente labradores e xornaleiros. Foi alcalde Antonio Pérez García, coñecido como “Rei”, do Partido Republicano Gallego.

En xullo de 1936 un sector do exército alzouse contra o goberno lexítimo do Estado. En Galicia, os militares saen ás rúas o día 20 de xullo, caendo o país en mans dos rebeldes o día 27. Non houbo aquí fronte de guerra, senón unha feroz represión.

Tras o anuncio do golpe o día 18, demócratas de todo tipo organízanse en partidas armadas para defender a legalidade republicana, acudindo de todos os lugares ás capitais de provincia.

De Monforte sae o día 19 de xullo unha partida de 200 homes armados (entre eles xente de Sober) que se dirixe a Lugo, sendo detidos ao regreso pola Garda Civil. Tomada polos militares a capital da provincia o día 20, a Garda Civil e os falanxistas toman toda a comarca de Lemos durante a semana seguinte.

En Sober, unha vez controlada a situación polos rebeldes, iniciouse unha espiral de violencia: asasinatos, encarcelamentos, roubos e torturas.
No noso concello, a represión foi esaxeradamente dura. As vítimas mortais foron unha vintena de persoas e ducias as vítimas da represión e do encarceramento, contando o noso municipio cunha das taxas de persoas apresadas sobre o total da poboación máis elevadas de Galicia: 356 rexistros de Sober nas cadeas de Monforte e Lugo por causas políticas entre 1936 e 1940.

Naquel tempo as xentes de Sober contemplaron a peor cara da condición humana, pero tamén a mellor, pois houbo xente, incluidas persoas de dereitas simpatizantes do novo réxime, que esconderon e axudaron a escapar a perseguidos, arriscando a súa propia vida.
A maioría da poboación de Sober percibía e percibe que a represión do réxime Franquista foi unha barbarie.

Na defensa do dereito á vida digna e á democracia, a Corporación Municipal do Concello de Sober fai memoria destes feitos e recoñecemento das vítimas do Franquismo para contribuír a que as xeracións actuais e futuras vivamos nunha sociedade xusta.

A memoria non quere a revancha. A memoria quere o coñecemento para, dende a verdade, contribuír a un mundo de homes e mulleres libres sen medos e sen mentiras; un mundo que devolva a dignidade a quen lle foi roubada. Non se trata de ir contra ninguén, senon a favor das que sufriron, dos que tiveron que gardar para sí a anguria e a humillación durante demasiados anos.

É por isto que, o Pleno da Corporación Municipal do Concello de Sober, na súa sesión ordinaria do 26 de setembro de 2013 acordou celebrar este acto de homenaxe ás vítimas do Franquismo e facer un recoñecemento a elas, así que a Xunta de Voceiros local, en cumplimento de dito acordo plenario, acorda, por unanimidade, a seguinte declaración institucional:

1. O Concello de Sober recoñece a dor e sufrimento de todas as vítimas da represión, nas súas diferentes modalidades, e restitúe a súa memoria publicamente.

2. A Corporación Municipal de Sober recoñécese na lexitimidade democrática da Corporación Municipal saída das eleccións de febreiro de 1936.

3. O Concello de Sober fai un recoñecemento explícito á Corporación Municipal de 1936 e condena que os seus membros fosen afastados das súas funcións polo golpe militar de xullo de 1936 e que fosen asasinados e represaliados de distintas maneiras pola súa ideoloxía e actividade política.

En Sober, a 25 de outubro de 2014.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s